Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Memoria de Mikhail

“E ti que? Que é o que pensas agora, co transcorrer dos anos de por medio, sobre Gorvachev?” Velaí a, supoño que inevitable, pregunta que me vén de efectuar nos pasados días un amigo de meu logo de coñecida a noticia do falecemento do derradeiro secretario xeral do PCUS e xefe de Estado da Unión Soviética. Trátase, polo demais, ou iso coido, dun inquerimento que sen dúbida tamén se fixeron –ou se están a facer aínda– uns cantos/bastantes de entre Vdes., sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais que hoxe retornan despois da paréntese estival.

Na estima deste meu parceiro non caben as incertezas: “Gorvachev? Pois está moi claro que foi un puro e duro instrumento da Cia. Repasa o retrato que fixo del Aleksandr Zinóviev se non. Pois porque tan só un traidor, ou un ignorante –iso si, de inxenuo non tiña nada, e que non me veñan con películas de Hollywood– se puido fiar da palabra de James Baker (daquela o secretario de Estado norteamericano) e de George Bush (pai) cando estes seica lle foron prometer que a Otan non se ía espallar cara ao leste. Non meu; Gorvachev enganou o seu pobo: prometeulles un futuro mellor e o que lles deixou foi unha Rusia máis insegura, máis débil, máis pobre… A Rusia que caeu nas mans daquel tolo alcohólico que atendía por Boris Eltsin. Punto e final.”

Gorvachev, para min? Penso que sabido é que a Forza, o ritmo do Universo, o Marciano de garda… gostan de conducirse mediante similitudes e paradoxos. Quero dicir que a existencia dos mísiles soviéticos –mal que lles/nos pese a tutti quanti e por pouco agradable que resulte recoñecelo–, se ben que formou parte primordial da ameaza da Apocalypse now, tamén axudou a que as peores entrañas do capitalismo máis brután e montaraz se visen na obriga de negociar cos representantes da Working Class e de aí, entón, boa parte dos noso Welfare State e mais do éxito da socialdemocracia. Traducido: que non só para os rusos senón tamén para outros moitos millóns de seres humanos, a devezada fin da Guerra fría dimanou asemade no principio da Contrarreforma reaccionaria que estamos a padecer. Polo visto,en plena celebración do seu proxecto, Mikhail Gorvachev foi esquecer que as guerras, todas, si que teñen vencedores e vencidos: “Vae cictis!”, senteza o adaxio clásico.

"Considerou que tan só el coñecía ao certo os segredos, a alma e mais os destinos de Rusia"

decoration

Porén –e dándolle resposta ao meu colega; teño outros, así mesmo benqueridos, que manteñen unha boa opinión do exlíder falecido–, coido que o gran problema de Gorvachev foi que, en realidade, estamos diante de alguén que non era de veras un político, senón máis ben unha sorte de pensador, teórico especulativo ao que lle prestaba intensamente o xogo da política; máis en concreto, as partidas no “Gran Taboleiro” da política. Porque tan só desde semellante perspectiva é posible, ao meu ver, comprendermos a decidida determinación de concluír, a calquera prezo, un pacto cos occidentais ao tempo que debullaba continuas indecisións, avances e retrocesos, en todos os demais terreos que pisou: sirvan de exemplo as súas perplexidades na hora de decidir se cumpría camiñar cara á liberación dos prezos, aceptando o modelo liberal occidental, ou, temeroso da reacción popular, resultaba mellor mantelos ferreamente controlados. Suxeito arreo dunha euforia espídica, o derradeiro líder soviético predicou urbi et orbi a glasnost e mais a perestroika sen chegar a precisar xamais –el, que se miraba, segundo propias declaracións, no espello de Lenin– cales viñan ser os auténticos alicerces de tal superstrutura. Dono dun ego desatado, que o impulsaba a facer e facer, fose o que fose,e sen ningún ánimo de autocrítica, Mikhail Gorvachev desprezou as capacidades de todos aqueles que, na propia Rusia, o foron cuestionar. Considerando que ningún deles se podía transformar nun verdadeiro rival, ao cabo foi vítima desa mesma improvisación.

Instrumento da Cia, dixeron? No fondo e na superficie, todos podemos ser instrumentos directos ou indirectos de algo e/ou alguén. Embriagado polos aplausos de Occidente, petando nas portas do Ceo cando lle foi concedido o Premio Nobel da Paz, Mikail Sergeevich Gorvachev –como no se día, entre nós, un Manuel Azaña presidente da República ou acaso tamén Adolfo Suárez, “condutor” da “Transición”– considerou que tan só el coñecía os segredos da alma e mais os destinos de Rusia.

Na hora do adeus, oxalá que a Rossiya-Mátushka se lle ofreza agarimosa.

Compartir el artículo

stats