Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

O nome de Samil

Foi chamado Samil un lugar da parroquia viguesa de Navia, e o nome estendeuse a todo o areal que vai da Foz do Lagares até a Punta e o Cocho das Dornas. Achámonos perante un dos moitos nomes de lugar clasificados como TAXXL (“topónimos procedentes de antropónimos xermánicos en xenitivo latino”) e que se acumulan en Galicia e norte de Portugal. Os expertos sitúan a orixe do topónimo Samil nunha (Vila) Salameri que sería o dominio dalgún señor xermánico cuxo nome, latinizado formalmente, fose Salamerus. Carecemos de información sobre esta persoa. E cando lle deu nome ela ao espazo que chamamos Samil? Probablemente foi nun punto impreciso do tempo que media entre o ano 411, o da fundación do reino suevo de Galicia, e o 711 en que os árabes entraron na Península Ibérica. En canto á etimoloxía de Salamerus, digamos que, para os especialistas ela resulta clara. O nome Salamerus formouse con dúas raíces xermánicas: sala “casa” e merêis “poderosa”, “famosa”. É de notar que os antigos suevos, coma certas nacións indias de Norteamérica, tiñan moito gusto en se autocelebrar con nomes persoais prepotentes e poéticos. A lingua galega aplicoulle ao primeiro compoñente de Salamerus unha das súas leis severas e fíxolle perder o ele intervocálico ficando en sa. Por parte, modificouse merêis en mil tal como ocorre noutros casos coincidentes. Velaí, así, Samil para os séculos dos séculos. Insistimos en que este topónimo non é exclusivo de Vigo e achámolo en varios lugares de Galicia e norte de Portugal. Por outra banda, é preciso lembrar que os significados dos nomes de lugar tenden a ser elásticos e duradoiros. Eles encollen e cobran volume; agroman de novo ou desaparecen e son substituídos por outros nomes de lugar. Os topónimos soen ser espello da Historia e da Prehistoria mesmo. Galicia (a administrativa, a colindante e a porción primitiva de Portugal) é un dos sitios do planeta no que se acumula maior número de nomes de lugar por kilómetro cuadrado. Con certeza, esta densidade pode servir para comprendermos mellor zonas escuras do pasado. O nome de Samil é unha mostra de que a Gallaecia Germanica (ou sexa a Gallaecia Suevica) foi o caldeiro no que se coceu a sustancia cultural galega naquel proceso que ten sido chamado de etnoxénese. O nome do noso Samil, debidamente interpelado, parece declararlle á posteridade que alí asentou o seu dominio un propietario de nome xermánico e que, logo, aquela circunscripción feudal primitiva reduciuse a casal inscrito na freguesía de Navia para lle dar, finalmente, nome á grande praia da cidade de Vigo.

Compartir el artículo

stats