Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Samil: historia dunha desfeita

Esganouse Antonio Palacios, modelista do Madrid de Alcalá e Cibeles, predicándolle á elite e pobo de Vigo as excelencias da praia de Samil. Parece que o arquitecto enchera o cine Odeón para divulgar a existencia daquela praia de Vigo pouco coñecida. Algúns riron porque para eles a praia de Vigo era só a de San Sebastián cuxos restos agonizaban ao pé de Picacho ou sexa onde é hoxe a gasolineira de Beiramar ou así. Mesmo me teñen contado que se organizou unha expedición en barco para coñecer a praia de Samil.

O feito é que, na miña nenez, a Samil íase no tranvía grande que partía de Uruguay. Pasando a estación dita “Molinos” (polos muíños de venta que houbo nun outeiro de Navia) o trenciño entraba en territorio dunar para ir parar, en Samil, ao lugar chamado Balneario. Así as cousas, desatouse o furor contra aquela praia de Samil que tamén aparecía en certos mapas como Praia de Navia.

"Hoxe a opinión pública está a esixir a corrección de tanto mal feito"

decoration

O dogma forestalista, que odia as dunas igual que odia as gándaras, as lagoas e as xunqueiras, puxo o ollo nas dunas de Samil. Para deter o movemento delas, plantaron piñeiros por todas partes, até o límite das leiras. Cando estas árbores eran cativas executouse unha estrada de piche entre Alcabre e Canido cunha ponte sobre o Lagares que xubilou ao barqueiro que traballaba regularmente, de nome Leandro e alcuño Landrú. Daquela, a empresa coñecida coma Os Rusos puxo autobuses que ían parando en diversos puntos de Samil. Mentres tanto, o tranvía desaparecía de Vigo nunha colosal alcaldada franquista. Múltiples edificios e urbanizacións foron ocupando Samil. Pero faltaba algo para completar a desfeita: un muro en forma de paseo marítimo que o alcalde Portanet planeou e o alcalde Ramilo inaugurou en 1972.

Hoxe a opinión pública está a esixir a corrección de tanto mal feito. Faise preciso, coma expuxo Manuel Bragado nestas mesmas páxinas,“a difícil e paciente recuperación dos areais de Samil”. Moitos pensamos que a cidade, se andar lista, podería optar aos fondos comunitarios para a restauración natural. Este cronista lembra as flores do Samil dunar cando eran visitadas polos abesouros máis pomposos e ventrudos do mundo.

Compartir el artículo

stats