Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

Memoria Diversa

Trinidad Falcés deixounos o pasado once de agosto, aos oitenta anos. Tomei conciencia de quen fora Trinidad (Trini, para todas as persoas que a apreciaban), e do papel que desempeñara, hai pouco, grazas á escritora Eva Mejuto e ao seu libro Memoria Diversa. Este volume de entrevistas está ilustrado con fotografías de Carme Cerviño e nace dunha iniciativa promovida pola Área de Cultura da Deputación da Coruña, coa intención de darlle voz a quen loitou (e segue loitando, porque hai batallas que xamais se abandonan) por visibilizar e dignificar o colectivo LGBTIQA+.

Lamento o tarde que cheguei a comprender o que supuxo Trinidad porque xa non está. Pero precisamente porque a súa loita foi a loita de moitas outras, o seu legado sempre estará vivo. Como di Eva Mejuto no seu prólogo, falar coas persoas entrevistadas supuxo achegarse “a unha vida particular, mais tamén a un anaco da nosa historia colectiva, desa historia molesta e incómoda que camiñou polas marxes esixindo un lugar propio para ser e estar”.

Trinidad naceu no ano 1943 froito dunha violación. A súa nai púxolle de nome Antonio. Un militar franquista da Policía Secreta ofreceuse a facerse cargo da criatura xunto coa súa muller. Cando a nai biolóxica de Trini, que traballaba na casa deles, quixo recuperar a crianza da nena, foi ameazada polo militar con ir a prisión. Trini non volveu vela ata hai dez anos, cando a nai estaba a piques de morrer. Trinidad relata para este libro a súa experiencia na escola, no servizo militar, a época traballando no Hotel Oriente, a primeira detención. “A esta non a poñas coas bujarrones, pona coas margaritas”, comentaban os policías que a meteron dunha pancada nun furgón. Trini ingresou en prisión en xullo de 1972 cando estaba en vigor a Lei de vagos e delincuentes, antesala da Lei de perigosidade social, que era aplicada a homosexuais e transexuais. Mil persoas estiveron en prisión pola aplicación destas leis.

Na primeira manifestación do colectivo que se fixo en España, no ano 1977, estaba en primeira fila. No libro explica como fora mal visto que as mulleres trans encabezasen a manifestación porque non daban boa imaxe. E precisamente elas foron as únicas que non fuxiron cando chegou a Policía a repartir paus. Trini narra toda unha vida de loita, violencia e sufrimento sen perder xamais o humor. Talvez iso sexa o máis estarrecedor do seu relato: a capacidade de contaxiar o riso en situacións de dureza extrema.

Memoria Diversa tamén recolle o testemuño de Laura Bugallo, Nacha María Sánchez, Vicente Montoto ou María Xosé Queizán, por citar algúns dos doce nomes. Eva Mejuto teceu os seus discursos logo de infinitas conversas. Unha alfaia escrita en primeira persoa coa verdade por bandeira en cada páxina. Quedo coas palabras de despedida de Trini neste libro: “pola noite escoito as curuxas e quedo durmida. Era o que quería, estar tranquila, pero boto de menos o mar e estar ao meu aire... Eu son, e sempre fun, un espírito libre”.

Compartir el artículo

stats