Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

A prisión atlántica

Na Coruña abundan os edificios oficiais de carácter civil e militar. Esta que foi a cidade de Ponthus, rei novelesco de Galicia, tamén florece en bibliotecas, museos, arquivos e casas de cultura. Na Coruña non se extingue a luz mítica desa Torre de Hércules que no Libro das Conquistas de Irlanda, recibe o nome de Tuir Breogain ou Torre de Breogán. Seica a UNESCO, alarmada pola degradación e esboroamento que está a sofrer a vella cadea provincial e centro de clasificación penitenciaria da Coruña, esixe a rehabilitación do predio, tendo en conta a súa proximidade á famosa Torre. Esta constitúe o único “pharos” da Antigüidade que permanece nos nosos días en funcionamento. Construír, foron construíndo a prisión nun espazo de fábula. Polas fiestras de varias celas, especialmente na aglomeración carceraria coñecida coma O Chaflán, entra polas noites o feixe de luz da Torre dando xiros que levaban os presos a imaxinar navegacións e rotas ceibes de aventura. E é aquí onde o cronista gustaría de estar dotado do xenio de Urbano Lugrís para encher esta nota de figuras fantásticas.

"Outros e outras antifranquistas tiveron na prisión da Torre, na Coruña, a mesma morte ca Foucellas"

decoration

Os presos chegan a ver, entre os barrotes, a pequena praia da Lapa, de nome prehistórico que suxire o menhir e propicia a ensoñación. O son dos ferros dos funcionarios contra as grades pode traernos lembranzas de Pondal e a súa “Campana de Anllóns”. Pero o médico oficial da cadea, doutor Botas, quizás entre na leria para relatar como a Benigno Andrade García, Foucellas, o verdugo lle partiu o pescozo alí o 26 de xullo de 1956. O aparello do garrote fora instalado no recinto de seguridade da prisión. Outros e outras antifranquistas tiveron na prisión da Torre a mesma morte ca Foucellas. Tamén moitos e moitas morreron paseados no Campo da Rata (pe da Torre) sen formación de proceso. Até os derradeiros anos do franquismo e na súa continuidade borbónica homes e mulleres de conviccións democráticas estiveron aferrollados na cadea da Coruña por mandato do Tribunal de Represión de la Masonería y del Comunismo, do TOP ou da Audiencia Nacional. O edificio da prisión segue en pe aínda que caducante. É propiedade do Estado Español e debería serlle entregado aos poderes municipais, ou mesmo autonómicos, para asumir unha utilidade pública. Seguramente algo relacionado, coma nou tros lugares europeos que coñeceron o furor feixista, coa historia contemporánea. Nesta columna propomos un Museo Galego da Resistencia Antifranquista, xa que Meirás semella intanxíbel.

Compartir el artículo

stats