Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Orde dos libros (V)

Témonos referido nesta serie ás dificultades de ordenación da biblioteca, sometida a múltiples, e caprichosas, circunstancias. Tan múltiples estas que o catalán Joseph Porter despois de corenta anos como libreiro e como anticipo das súas memorias, publica un inventario de temas e especialidades que lle foron solicitados por clientes de todo o mundo. O listado reune, alfabeticamente, 1450 especialidades, epígrafes na terminoloxía do autor, que promete seguir aumentando (Porter, Los libros, edición limitada do autor, 1973). E tamén caprichosas circunstancias como tiven ocasión de comprobar cando alá pola década dos sesenta do pasado século comecei agrupando algúns libros anoados por unha etiqueta mental que poderiamos denominar “libros subversivos” ou “libros prohibidos”, en realidade libros de circulación limitada magnificados pola censura.

Nas baldas reservadas a este apartado figuraban títulos como a obra de José Mª Blanco White en edición de Vicente Lloréns (Antología de obras en español Barcelona, Editorial Labor, 1971) e de Juan Goytisolo (Obra inglesa de José María Blanco White, Barcelona, Editorial Seix Barral, 1974) ao lado doutras obras clásicas da cultura europea e mundial como o Manifesto Comunista, discursos de Fidel Castro e Che Guevara, algunha historia do movimento obreiro tan clásica como a de Tuñón de Lara, e historias de España como a de Pierre Vilar. O carácter “subversivo” destes libros era unha concesión da censura franquista que no seu afán liberticida proporcionaba unha propaganda gratuita a todas estas publicacións que circulaban por todo o país. A obsesión persecutoria era de tal natureza que a humildísima editorial Ruedo Ibérico fundada en París en 1961 sufriu un atentado o 14 de outubro de 1975 reivindicado por ATE (Antiterrorismo ETA), organización parapolicial do réxime franquista que case consegue acabar coa editorial dirixida polo inesquecible Pepe Martínez. Serán precisamente os libros desta pequena gran editorial os que alimentaron especialmente o epígrafe ao que nos estamos a referir.

“A obsesión persecutoria era de tal natureza que a editorial ‘Ruedo Ibérico’ sufriu un atentado en outubro de 1975 reivindicado por ATE”

decoration

Ruedo Ibérico publicou os seus primeiros libros en 1962 (obras de Brenan e Thomas) e mantivo a pesares das serias dificultades económicas a actividade ata o ano 1982. Algún día dedicaremos unha humilde homenaxe aos fundadores desta empresa de comunicación que non deixaron de abrir fiestras para que entrase aire libre con cada título.

No seu catálogo está tamén moi presente Galicia, cos dous títulos El pensamiento político de Castelao (Alberto Míguez, 1966) e Galicia Hoy, (Arxentina, 1966, firmado por Santiago Fernández e Maximino Brocos, pseudónimos de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane).

Entre o ir e vir de Isaac Díaz Pardo a España, embarcado daquela na fábrica de Magdalena, preto de Bós Aires, adoitaba facer escada obrigada en París. Deste primeiro contacto e en colaboración con Luís Seoane, xurde a idea dunha primeira colaboración cando toda a Península estaba invadida polos carteis dos XXV Anos de Paz, un dos grandes logros do ministro Fraga Iribarne. Deciden encargar unha antoloxía bilingüe de Castelao co obxetivo de reivindicar a faceta política do rianxeiro, tan menoscabada polo galeguismo piñeirista. Era un vello proxecto xestado na Federación de Sociedades Galegas que vían como en Galicia tentaban ocultar a imaxe ética e política do rianxeiro. Encargan da edición a Alberto Míguez, fillo dun catedrático franquista dun instituto de bacharelato da Coruña; traballaba Alberto no diario económico de Madrid TRES E e colaboraba nas páxinas culturais dun xornal galego, motivo polo que entrou en contacto con Isaac e Luís Seoane. A obra de Míguez provocou o seu despido do diario madrileño; aínda que atopou refuxio no Castro de Samoedo durante un tempo non se librou dun xuízo que lle costou unha multa de 50.000 pts. e un ano de cárcere; a defensa do antólogo correra a cargo do avogado galeguista Valentín Paz Andrade. A obra, según confesa Míguez no prólogo (pp. 13-35), ten a finalidade de rescatar a figura do rianxeiro “de tanto lobicán con pel de cordeiro e de tanto cordeiro con gadoupas de lobicán”. A normalidade cultural recobrada bastantes anos despois da morte de Franco, dispersou este apartado ominoso da nosa biblioteca reintegrando cada volumen a lugares máis apropiados, dificultando tamén a súa localización na actualidade.

Compartir el artículo

stats