Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Memorias do Albariño

Neste ano, a Festa do Albariño compre sesenta e nove en Cambados, a vila “soñadora” do Salnés. No verán de 1953, conforme teño entendido, foron promotores principais do acontecemento Ernesto Zárate e Bernardino Quintanilla. O segundo exercía, ao tempo, como colaborador de FARO DE VIGO e persoa de relevo nesta cidade. Daquela, o viño de albariño, e os obtidos de todas as variedades adaptadas secularmente aos nosos climas e bisbarras, achábase en decadencia. Despois da renovación dos bacelos que impuxera a filoxera no século XIX veu a sustitución das variedades propias por outras importadas que producían calidade menos individualizada pero máis moios de líquido.

O albariño chegou a estar ameazado de morte polo mercantilismo e a falla de ambición profesional de armacenistas e algúns propietarios de viña. Coas castes perdíanse os seus nomes misteriosos e arcaicos. Digamos godello, espadeiro, sousón, torrontés, pedral, caíño, brancellao e maranzao. Con esta onomástica, arrandéanse, coa graza das bailadas dos Cancioneiros, o grupo dos acios nomeados en homenaxe ás mulleres: moza fresca, María Ordoña, Mencía, treixadura (Tareixa Dura, segundo o Padre Sarmiento). E máis aquela que chama a atención do arrecendo, que é a loureiro. E non debemos esquencer os nomes de castes que evocan o escarnio campesiño e trasgresor, como se mira nas ocorrencias cagarrizo ou collón de galo.

“Álvaro Cunqueiro abrazou a causa do Rexurdimento do viño de albariño”

decoration

Volvendo ao albariño, digamos que o son desta verba fainos sempre acordantes do étimo principal, albus, - a, -um, que o latín asociaba co blancor, a luz, o sol, e a estrela da mañá: acollémonos a autoridade de Ernout e Meillet. Todo o manso, o íntimo, o amoroso, tende en galego a ser albar. E máis se vai modificado polo diminutivo.

O director de FARO era, hai sesenta e nove anos, Francisco Leal Ínsua, que lle abriu as páxinas do xornal decano a Álvaro Cunqueiro. Este abrazou a causa do Rexurdimento do viño de albariño. Así que, nos anos sesenta do século pasado, afirmouse a recuperación desta caste e o signo visíbel disto foi a instalación de postes angulares nas gabias e máis a sustitución da fustalla por pipas térmicas de aceiro. Renaceu tamén a caste en Portugal, de Braga a Monção, onde o Palácio da Breijoeira chegou a ser mito. Os albariños esquencidos do Morrazo, Soutomaior ou o Rosal saíron da escuridade. E trunfou o Viño dos Poetas do que seguiremos tratando neste curruncho.

Compartir el artículo

stats