Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

1968: CNC

No Museo Pablo Picasso da Coruña pode visitarse unha mostra dedicada a Reimundo Patiño (1936-1985) en relación coa banda deseñada ou relato gráfico. Coincidindo no tempo, a Fundación Insua dos Poetas que preside Luís González Tosar inaugurou un monumento (obra de Conde) que, en homenaxe ao activismo político-cultural de Brais Pinto, veuse sumar ás esculturas que están facendo daquela ribeira do río da Esgueva, concello do Carballiño, un espazo único de arte e de memoria.

En canto a Reimundo Patiño, el está enterrado en San Cristovo das Viñas pois pertencía á Coruña agraria e resistente que tan ben nos apresenta a prosa de Manuel Rivas. En 1958, Patiño participou na fundación de Brais Pinto e, anos máis tarde, na do partido clandestino UPG.

El abriulle á plástica galega novas rotas levando a pintura e o gravado aos píncaros máis ousados do informalismo e do expresionismo abstracto. Participou da experiencia, moi dura, que foi chamada Estampa Popular Galega. O relato gráfico que titulou O home que falaba vegliota (1972), alén dunha intención radical axitativa, supuxo o nacemento daquilo que foi chamado comic galego.

Patiño escribiu manifestos, artigos teóricos e poemas inesquecibeis nos que vive e alenta a paixón revolucionaria. El exerceu unha especie de influencia reitoral sobre Brais Pinto, aquela célula galega de universalidade que constituíran César Arias, Bautista Álvarez, Bernardino Graña, Ramón Lorenzo, Alexandre Cribeiro, Herminio Barreiro e , máis tarde, Foz e o mesmo Novoneyra.

A influencia de Patiño sobre o grupo foi de carácter “pneumático”, que diría Risco usando un adxectivo que facía rir moito ao propio Reimundo. A UPG, impensábel sen a existencia previa de Brais Pinto, tomou a iniciativa política e fixo renacer no 25 de xullo de 1968, o Día da Patria Galega chamando a unha CNC (Concentración Nacional en Compostela).

Hai agora 54 anos decidiuse revitalizar o Día da Patria cun claro carácter antifranquista, laico, autodeterminista e de esquerda real. Con Bautista Álvarez ao frente da operación, os panfletos da UPG voaron nos centros e barrios das cidades e na maior parte das bisbarras de Galicia. Á UPG sumáronse outras organizacións de oposición, como foron ADEG (Asociación Democrática de Estudantes Galegos) ou a Liga Democrática de Vigo. Houbo detencións e, o 25 de xullo, Compostela apareceu tomada pola forza represiva fardada de gris e tamén por un continxente militar con armamento de guerra que ocuparon o Obradoiro e outros lugares da cidade nos que se prevían manifestacións.

A pesares deste alarde disuasorio, un grupo de militantes foi capaz de pendurar das árbores da Alameda unha pancarta cuxo sentido marcou toda forma de nacionalismo posterior: “Galiza Ceibe e Socialista”.

Compartir el artículo

stats