Pode un artista converterse nun símbolo, nunha icona do seu país. Ou máis difícil aínda: poden unha voz e unha guitarra condensar na súa limitación de medios un territorio tan amplo coma o Brasil, que por extenso semella todo un continente? Tais son as preguntas que xorden despois de ler Amoroso, uma biografía de Joao Gilberto, libro escrito por Zuza Homem de Mello, home que reúne nas súas diversas facianas profesionais toda unha bagaxe –periodista, crítico, produtor musical...–, que lle serviu para desenvolver un relato completísimo sobre este xenio da música brasileira.

Ao longo de máis de catrocentas páxinas, o lector poderá achegarse a través da figura de Joao Gilberto a todo o relativo á creación musical: composición, técnica, difusión, organización... Certamente, non queda nada sen tratar de todo canto se move a carón deste amplo mundo. O libro, traducido ao español por Antonio Jiménez, foi editado por Libros del Kultrum. E para os galegos, se damos coa súa edición orixinal en portugués, supón a reparación dunha anomalía, pois constatamos que, malia pertencermos ao amplo mundo da Lusofonía, un dos seus creadores sobranceiros, Joao Gilberto, nunca se achegou onda nós.

Si andivo por cidades de outros países europeos, de Estados Unidos ou do Xapón, e por suposto sempre con destino permanente no propio Brasil. Na súa localidade natal, Juazeiro, Gilberto formou parte dos Enamorados do Ritmo, grupo que lle facilitou a súa conexión con formacións vocais, que tanto condicionarían a súa posterior traxectoria como cantor, caracterizada xa como solista por unha voz cálida, acorde coa condición tropical da xeografía brasileira. Pero curiosamente foi durante unha longa estadía de dous anos en México, onde gravou un disco, cando recapacitou sobre a súa orixe: Facer un disco en si, con continuidade a respecto daqueles que fixen ao inicio da miña carreira, iso só pode facerse no Brasil. Só despois de recibir todas esas informacións de aquí, da rúa, do Carnaval, sentindo o persoal, experimentando as súas influencias, preto das miñas raíces. En canto á técnica como guitarrista, o propio Gilberto desvela algún dos seus segredos: Debe ser de cando eu era neno en Juazeiro. As lavandeiras levaban a roupa no cesto para lavala no río e descendían ata alí cun squintim, squintin… a cadencia sincopada das lavandeiras inspiroume ese ritmo da bossa nova .

Tal é o punto de partida do seu arte, que lonxe de quedarse estático é permeable ás influencias por exemplo do jazz. Como mostra o seu achegamento a este xénero nos discos Getz / Gilberto –1964 / 1965–, gravados ambos en Nova Iork xunto a Stan Getz no saxo; nun deles incluíu a versión canónica da célebre Garota de Ipanema, para a que contou coa participación da súa parella Astrud Gilberto, ao tempo que outro músico consagrado coma Tom Jobim, ao piano, completou o rexistro. A colaboración entre colegas era habitual. Por exemplo: Gilberto Gil, Caetano Veloso, Maria Bethânia e o propio Joao gravaron o disco titulado precisamente Brasil –1981–.

Convertido en símbolo do seu país, Joao Gilberto tivo entre os seus devotos a un monxe budista, que asumiu a súa música como parte da súa relixión e mesmo foi máis alá ao manifestar: Considero a samba o toque de tambor dos intereses comúns e o pacto social que convoca e levanta a todas as tribus da nación brasileira. Declaración escrita a comezos de 2020, seis meses despois do pasamento do propio Joao, o 6 de xullo de 2019. Foi a fin dunha traxectoria que comezou co seu disco Chega de saudade –1959– e concluíu con Joao Gilberto in Tokyo –2004–. Polo medio unha morea de rexistros con cancións, algunhas propias e outras de autoría diversa, que en todo caso El fixo súas: Bim Bom, Corcovado, Desafinado, Rosa Morena, Samba da minha terra…. Porque, ás veces, algúns intérpretes tamén deveñen en creadores, en tanto que posuidores dunha técnica persoal que os distingue doutros colegas.

No caso senlleiro de Joao Gilberto, na pescuda dunha perfección tanto na forma de cantar e de tocar como no son final que equilibre ambas facianas, porque estamos ante un artista que ensamblaba as súas cordas vocais coas da guitarra, resultando un todo único que o fai inconfundíbel. Síntese final dun proceso previo, no que peneirou canta influencia exterior recibiu da música popular.

*Funcionario Público Xubilado. Membro da Asociación Cultural Pertenza