Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Viana, o Schindler galego

A lista de Schindler (1993), o filme de Steven Spielberg, baseado na novela de Thomas Keneally A arca de Schindler, que representa a vida no gueto xudeu de Cracovia e a brutalidade do holocausto nazi, serviu tamén para desvelar a figura heroica de Oskar Schindler, o empresario alemán, espía e membro do partido nazi, capaz de rebelarse e salvar a vida de máis dun milleiro de xudeus polacos do campo de exterminio de Plaszow, contratándoos na súa fábrica de Cracovia. Unha iniciativa salvadora, recoñecida en 1960 polo goberno de Israel coa distinción de “Xusto entre as nacións”, e máis tarde por Alemaña, como modelo de decencia e dignidade na defensa da vida dos seres humanos.

A publicación de Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos (Belagua, 2021), biografía preparada polo avogado e politicólogo pontareano Roberto Mera Covas e galardoada co premio Losada Diéguez ao mellor libro de investigación e ensaio do ano, recupera do esquecemento a figura do deputado Alejandro Viana Esperón, a quen ben se lle podería alcumar como “o Schindler galego”. Un relato emocionante e moi detallado que remata coa ocultación imposta dende hai case oito décadas sobre o periplo vital e o papel decisivo de Alejandro Viana, responsable de varias organizacións humanitarias, director do Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles (SERE) entre 1940 e 1941, desde as que organizou expedicións marítimas colectivas de republicanos que naquela Europa ocupada polos nazis pretendían chegar a América para salvar as súas vidas.

Nacido en Ponteareas en 1877, con apenas catorce anos trasladouse a Vigo para traballar como dependente de comercio e formarse na tenza de libros de contabilidade no Centro de Instrución Mercantil. Fundador en 1901 da Asociación de Dependentes de Comercio de Vigo, iniciaría a súa actividade como industrial exportador de ovos e despois no sector da conserva, actuando como representante dos exportadores do porto de Vigo e participando en 1920 como accionista destacado de Tranvías Eléctricos de Vigo, empresa da que chegaría a ser presidente de 1935 a 1936. Directivo do Partido Republicano Vigués (1914), cofundador da Liga de Defensores de Vigo e do Ateneo de Vigo (1923), presidente do Círculo Mercantil, conselleiro delegado do xornal “El Pueblo Gallego” (1924), promotor do estadio de Balaídos, foi designado concelleiro da corporación presidida polo alcalde Gregorio Espino, na que se responsabilizou do departamento de Facenda e na que ocuparía en 1926 a Alcaldía en funcións durante uns meses. Unha intensa actividade política e empresarial que continuaría na Segunda República como responsable en Vigo de Izquierda Republicana, o partido de Manuel Azaña. Nas eleccións de febreiro de 1936 foi elixido deputado a Cortes formando parte da candidatura da Fronte Popular, sendo o candidato máis votado en Vigo e participando entre o 15 e o 17 de xullo de 1936 na comisión de deputados e alcaldes que entregaron o Estatuto de Autonomía de Galicia ao presidente da República.

"É incomprensible que tan brillante traxectoria humana, empresarial e política, como a dun hábil e paciente activismo diplomático, non fose aínda recoñecida como merece polo concello e institucións viguesas"

decoration

Roberto Mera rescata no seu libro o compromiso de Alejandro Viana durante os anos da Guerra e do Exilio, fose como directivo das Milicias Galegas en Madrid e da Sociedade Galega Antifascista, ou como membro das Cortes reunidas en Valencia (1937), Montserrat (1938) e a derradeira en Figueres (1939), formando parte xunto ao tamén galego Osorio Tafall do grupo de apoio a Juan Negrín como presidente do Goberno. Será co inicio da vaga de refuxiados, tras a caída de Catalunya, nas praias de Saint Cyprien e Argelès-sur-Mer, cando Viana inicie dende París a súa actividade salvadora como xefe da Sección de Emigración do SERE, na que se ocupará de xestionar e organizar as expedicións de refuxiados cara aos países de acollida. Será Viana quen se encargue durante a primavera e o verán de 1939 de organizar o frete das expedicións dos “barcos da liberdade”, o Sinaia, Ipanema e Méxique, que supuxeron a evacuación de 8.000 republicanos a México. Será tamén o responsable xunto ao poeta e diplomático Pablo Neruda da expedición do Winnipeg a Chile, a maior destas características que atravesou o Atlántico. Como será Viana o delegado oficial en París das Sociedades Hispanas Confederadas de Nova York que organizará outras saídas.

É incomprensible que tan brillante traxectoria humana, empresarial e política, como a dun hábil e paciente activismo diplomático, que salvou até 17.000 persoas, na que non falta sequera a odisea para chegar a México en 1941 e para tras once anos de separación forzosa reunirse no país azteca coa súa muller a viguesa Josefina Dotras Fábregas, non fose aínda recoñecida como merece polo concello e institucións viguesas. Parabéns a Roberto Mera por tan excelente traballo que rescata para a nosa historia a proeza da figura extraordinaria de Alejandro Viana, o “Schindler galego”.

bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats