Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

O factor suevo

O arqueólogo José María Eguileta Franco asinou, aí atrás, un artigo sobre a época na que as fontes non eran explícitas sobre o reino suevo de Galicia. Lembraba este estudoso o episodio milagreiro, dado a coñecer por Gregorio de Tours no século VI, no cal Carrarico, rei suevo de Galicia con residencia (nada probado) en Ourense, pide axuda divina para sandar un seu fillo do mal de lepra que padecía. Curado o príncipe, o seu pai, que, cos restantes suevos, aínda rendía culto aos deuses xermánicos, abrazou o cristianismo romano ao tempo que mandaba erguer un templo a San Martiño de Tours, que segue a ser hoxe patrón da catedral e cidade de Ourense. Historiadores actuais perciben, no relato, ecos da amizade estratéxica que uniu o reino suevo de Galicia co do francos e, ambos, coa política de Bizancio para a Península Ibérica.

Lembra Eguileta que, este dos suevos de Galicia, foi o primeiro reino europeo que se constituiu trala crise das invasións bárbaras, alén do primeiro en carimbar moeda propia. Durou o reino suevo desde a primeira década do século V até o ano 585 en que foi invadido e anulado polos visigodos de Toledo. Pablo C. Díaz (El reino suevo. 411-585, Akal, Madrid,2011) ocupouse do asunto en que agora estamos. Gallaecia / Galicia/ Galiza é o único nome de provincia romana hispánica que funciona na actualidade, e isto ocorre porque os suevos fundaron aquí un reino que durou, dunha forma ou outra, até a división administrativa do século XIX. Non deixou o reino suevo monumentos, aínda que segue pendente de ser resolto o asunto da atribución e datación dos edificios chamados canonicamente “visigóticos”.

"Os suevos fundaron aquí un reino que durou, dunha ou doutra forma, até a división administrativa do século XIX"

decoration

Do mesmo modo en que se agarda unha nova teorización que teña en conta a hipótese sueva dos topónimos xermánicos que se encontran, elocuentes e pertinaces, en territorio actualmente galego, minhoto ou asturiano e leonés occidental. Falamos dos Allariz, Gondomar, Samil, Vaamonde, que inzan a Terra e transitan ao cerne dos apelidos galegos en vixencia. O pobo suevo teceu pactos de convivio coa elite e a poboación galaicorromana. Creáronse así as condicións necesarias para se producir unha etnoxénese. A ruína de Roma e a aparición dos reinos bárbaros foi unha das causas da fragmentación lingüística da Romania. O factor decisivo na conformación da lingua románica na que eu escribo e vostede le agora foi a fundación dunha primeira entidade feudal que favoreceu este cambio: o reino suevo de Galicia.

Compartir el artículo

stats