Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Orde dos libros (II)

Falamos no noso anterior artigo da dificultade, case imposibilidade, de ordenar unha biblioteca particular, que non deixa de ser un intento de reproducir espacialmente o pensamento e identidade do lector revelada por medio dos libros colocados nas estanterías. Así se explica que para evitar esta exposición da intimidade coido que foi editor Roberto Calasso o que propuxo tapar os lombos dos libros da súa biblioteca máis persoal para furtala de miradas alleas. Malia que o número de volumes non é significativo da súa calidade (hai bibliotecas espléndidas de menos de cinco mil exemplares e bibliotecas de saldo de vinte ou trinta mil volumes) as dificultades de ordenación aumentan cando os libros comezan a invadir espazos habitables; nin o traslado a castelos ou vivendas suntuosas semella resposta axeitada a este problema capital se temos en conta as dez digresións de Alberto Manguel na súa obra Mientras embalo mi biblioteca.

No noso modesto caso, os agrupamentos de libros que se foron sucedendo tiñan inicialmente máis finalidade de urdir, construír acumulando, que de ordenar. Posteriormente, o obxectivo da nosa particular ordenación foi facilitarnos a posibilidade de atopar un libro de maneira non traumática nin blasfema. E neso estamos. Como no caso da temática da Ilustración e dos estudos románicos da nosa entrega anterior, esas estanterías poderían mentalmente estar presididas polas imaxes de Sarmiento e Pensado, que non deixaría de ser un recoñecemento á meritoria exhumación que o profesor galego en Salamanca fixo do seu admirado bieito co que estableceu un fecundo diálogo. Paralelamente, o conxunto dos libros da nosa biblioteca agrupados mentalmente como “discurso exílico”, onde teñen casa propia Castelao, Dieste e Luís Seoane, nace das conversas con Carmen Muñoz, que comezaron un pouco antes do falecemento do seu marido, e con Maruxa Fernández, viúva de Luís Seoane. Permitíronme estas conversacións, que tamén poñían unha certa orde nos seus propios libros e lembranzas de anos pasados, un achegamento oral moi singular que se foi completando con lecturas de obras recuperadas, primeiras edicións, impresións facsimilares, actas dos congresos que se sucederon a partir do cincuentenario do denominado exilio republicano de 1939, textos memorialísticos, etc. Son, aproximadamente, un millar de volumes que calquera outra persoa podería ordenar de maneira distinta dependendo do seu particular interese e momento de lectura. Soamente os algo máis de cen tomos que gardo da colección Biblioteca del exilio da editorial Renacimiento, antes tamén do Castro en vida de Isaac, forman un conxunto numerado. Os demais, incluídos os moitos tomos de Atlántida, a editorial na que traballaron Carmen Muñoz e Rafael Dieste en Bos Aires, teñen por veciños, exemplo de aparente desorde, as memorias de Elena Garro sobre España que está ao lado da ‘Ética’ de Adolfo Sánchez Vázquez, ilustre exiliado. Naturalmente, para dar cun libro concreto desta temática teño que pasar a vista por outros moitos do conxunto non sempre con resultados inmediatos. A imperfección do método pode ser probada coa inclusión consciente nesta “constelación” da obra do escritor mexicano José Revueltas ‘Dormir en Tierra’. Este autor, irmán do gran músico Silvestre Revueltas, padeceu os rigores do estalinismo e tivo especial relación co exilio español como proba a edición da citada obra ao coidado da editorial ERA, acrónimo de Neus Espresate, Rojo, Azorín, exiliados españois de segunda xeración e compañeiros de traballo nunha imprenta. Pero non todos os temas e constelacións formadas teñen rostro motivador. Non moito despois de rematar a carreira, nunha biblioteca militar en Madrid, quixo o azar darme unha sorpresa agradable cando atopei, sen pretendelo, o “inferno” –na xerga dos bibliotecarios, lugar secreto destinado aos libros considerados licenciosos ou prohibidos por cuestións morais ou políticas– dun dos bibliotecarios ao que non cheguei a coñecer. Entre os máis de trescentos títulos que ocultaba, no que abundaban obras de Lenin, de Marx, de Mao, Che Guevara, discursos de Fidel etc., había un número considerable de obras eróticas: ao lado dalgúns folletos decididamente pornográficos, estaban obras de Felipe Trigo, Pedro Mata, Moratín, Aretino, antoloxías e autores franceses surrealistas etc. Guiado secretamente por aquel “inferno” celestial puiden facerme con ilustres títulos do xénero adquiridos na moi fatigada Cuesta Moyano da capital. Moitos anos despois, estoutra orientación, que xa constaba de non poucos títulos, viuse considerablemente aumentada con numerosos exemplares da colección “La sonrisa vertical” de Tusquets, dirixida por Luís G. Berlanga nada menos. Consecuencia destas lecturas sen rostro, será a nosa antoloxía galega da poesía erótica e amatoria publicada por edicións do Castro en 1988.

*Académico numerario

Compartir el artículo

stats