Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

CAMPO DE GRANADA

Manuel Bragado

O galego tamén é para o verán

Para Manuel e Martiño, novos baioneses que falarán galego

Esta semana soubemos que para o Partido Popular de Baiona o galego non é lingua para o verán. Nunha nota publicada en redes sociais, ao fío dun acto celebrado o serán do 13 de xullo, incluído na programación Baiverán 2022 da Concellaría de Cultura, os populares lamentan “la falta de respeto que la concelleira [sic] de Cultura tuvo ayer con el público que asistió al monólogo del humorista Quico Cadaval en la plaza del Concello [sic] al decidir que se hiciese en gallego y no en castellano para permitir que los asistentes, una gran mayoría residentes de segunda vivienda en nuestra localidad procedentes de diferentes puntos de España, pudiesen entenderlos y no se sintiesen discriminados”. Texto no que entenden “que si se pueda optar por nuestro dialecto [sic] en otra época del año, no es de recibo que se haga en pleno verano, la época de mayor afluencia turística”; e no que rematan apelando ao carácter “acogedor” [sic] da vila da Arribada e á utilización do castelán como cortesía cos visitantes, así como recoñecendo ter recibido queixas trasladadas por asistentes ao monólogo pola lingua utilizada.

Un texto político que aventuramos pasará á historia externa do galego por reunir en apenas un cento de palabras as mentiras e os prexuízos actuais máis grosos sobre a nosa lingua milenaria. Máis alá do desatino (sinónimo no vocabulario galego de “burrada”) e do atrevemento sen referencias académicas ningunhas de clasificar o uso das linguas pola estación do ano, outra forma de diglosia na que o galego continúa sendo a lingua inferior, o conto do grupo popular baionés (como ben advirte para estes casos o mestre Castelao) é ben triste xa que nega de raíz a existencia da propia lingua galega, á que se refire como “nuestro dialecto”, terminoloxía do máis reseso franquismo, anterior á Constitución, ao Estatuto de Autonomía de Galicia e á Lei de Normalización Lingüística que dende hai máis de catro décadas regula a nosa convivencia e a utilización das linguas cooficiais no espazo público. Un texto galegofóbico que en aras desoutro prexuízo de evitar que os nosos visitantes españois poidan sentirse molestos escoitando un monólogo en galego dun actor galego ou simplemente lendo na rúa un carteliño onde se anuncia, máis aínda se posúen unha segunda vivenda en Galicia (condición de propiedade que para os populares semella outorgarlles “dereito de veto lingüístico”), apela a que “por cortesía” durante o verán prescindamos do uso do galego e sexamos, dialogando co verso rosaliano, estranxeiros na nosa patria.

“É unha lingua milenaria de acollida, que abraza e agarima as persoas que con curiosidade e respecto se achegan a ela”

decoration

Este disparatado texto dos populares baioneses, que ben debería sequera ser comentado polos responsables galegos do PP, podería formar parte d’ O libro negro da lingua galega. Quiñentos anos de represión e silenciamento (Xerais 2022), monumental obra recente na que o profesor Carlos Callón escolma en oitocentas páxinas documentos de proscrición, limitación, desprezo e ataque ao galego. Textos que documentan unha fobia poliédrica persistente, a galegofobia, o odio á lingua de Galicia, presente ao longo da historia en diversas formas, dende prohibicións polo seu uso privado e público, queimas de libros, castigos físicos, sancións administrativas ou multas até os actuais prexuízos lingüísticos que obrigan a esa eterna ollada subordinada sobre o galego e sobre a propia Galicia como suxeito político. Neses poderosos anteollos que deforman a ollada sobre a nosa realidade lingüística, até facela irrecoñecible por mentirana e deformada, como sucede co estrafalario texto dos populares baioneses, identificamos a cerna do agravio lingüística actual, que coincide (e non parece fortuíto) cun retroceso do emprego do galego no espazo público até niveis preconstitucionais por parte dalgúns responsables políticos.

No entanto, do conto triste de Baiona paga a pena recoller o fío tan valioso da cortesía lingüística, un camiño de respecto e empatía de dúas direccións, que compromete tamén ás persoas que nos visitan e ás que decidiron compartir as súas vidas aquí durante a tempada nas súas segundas residencias. Deámoslle a volta ao carpín do abandono e da desidia e recoñezamos que o verán é un tempo de privilexio para gozar co galego, tamén, nos areais, cantís, prazas e terrazas de Baiona nas que un entorno acolledor de respecto e curiosidade as veraneantes poidan recoñecer a existencia da lingua galega e o se uso en espazos privados e públicos. Como o verán é tempo para que todas, tamén as visitantes, poidamos gozar da diversidade e da calidade das manifestacións culturais en lingua galega, sexa na música, no teatro, no audiovisual ou na creación literaria onde hai moito e bo para escoller. O galego é lingua milenaria de acollida, que abraza e agarima as persoas que con curiosidade e respecto se achegan a ela.

bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats