Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

Onde están os cisnes de Castrelos?

Todas as persoas de Vigo temos un lazo emocional co parque de Castrelos. Ese espazo mítico foi doado á cidadanía xunto co Pazo Quiñones de León polo Marqués de Alcedo no ano 1924. As condicións que puxo o marqués foron que o seu uso fose público e que se promovese a construción dun museo e dun parque. A filantropía, ese concepto que naceu na Grecia clásica e que na actualidade semella un xeito de concibir o mundo en perigo de extinción, tivo unha importancia radical para o desenvolvemento de Vigo. A doazón do Pazo Quiñones de León e das propiedades que o rodeaban foi un acto de filantropía que marcou o carácter e o futuro dun dos grandes pulmóns urbanos da cidade. Para as persoas nacidas a finais da década dos setenta e primeira metade da década dos oitenta, ir a Castrelos significaba ter a oportunidade de visitar o espazo infantil mellor dotado da cidade. Un parque que semellaba un campo de probas para as atraccións infantís máis punteiras. Lembro a chegada das tirolesas coma se acabasen de instalar un aparello de adestramento para futuros trapecistas.

Xa nos noventa pasabamos moitas tardes dos venres nas gradas, vendo os ensaios do ballet do programa que emitía en directo pola noite a TVG. Tiña un aquel máxico o feito de que Castrelos, aquel oasis cheo de cisnes, fontes con luces de cores, un museo, un xardín francés de estilo neoclásico e outro onde a vexetación medraba libremente, fose tamén un plató natural. Castrelos é camaleónico. Non pensen que sufrín un arrebato de nostalxia. É só que arrancou a programación de concertos e tiven a oportunidade de volver sentir como a cidade vibraba no noso auditorio ao aire libre. Primeiro na xira de despedida de Joan Manuel Serrat, coa aparición sorpresa no escenario da máxica Eva Amaral. Despois con Sebastián Yatra. Sesenta mil persoas acudiron para ver o espectáculo do artista colombiano. Cando caeu a noite, a multitude prendeu a lanterna do seu móbil e pensei en miles de vagalumes alumeando no mesmo instante, coma unha mente colmea. Pensei tamén en que no pasado usabamos chisqueiros en lugar de teléfonos e en que me resultaba imposible adiviñar que vai substituír aos móbiles no futuro. Iso provocoume unha leve puntada no corazón, porque o paso do tempo é voraz. Foi precioso escoitar o berro colectivo do público. Supoño que pesa moito o efecto da pandemia e a fame de felicidade. No camiño de volta, montada nun taxi, o concerto semellaba un soño raro e regresei á realidade cando o condutor empezou a relatarme as dificultades da súa profesión e asegurou que coñecía un taxista que chegara a pagar 240.000 euros pola súa praza. Eu non puiden evitar preguntarlle: pero mire, por que unha persoa con esa cantidade de cartos dispoñibles decide investilos en ser taxista? El botouse a rir e contestou: “eso mismo me pregunto yo”.

Mais existe algo importante que boto de menos en Castrelos e non quero despedirme sen deixalo aquí escrito: Onde están os cisnes? Que foi deles? Alguén sabe do seu paradoiro? Necesito que regresen, como necesito volver a ese lugar unha e outra vez.

Compartir el artículo

stats