Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Vigo e o ano para don Paco

Non foi sorpresa ningunha que a Academia escollese a Francisco Fernández del Riego como figura homenaxeada no vindeiro Día das Letras Galegas (2023), coincidindo cos cento e dez anos do seu nacemento en Vilanova de Lourenzá (1913) e coa sexaxésima celebración do 17 de maio, efeméride creada polo polígrafo galeguista, coincidindo co centenario da publicación no obradoiro da rúa Real de Compañel de Cantares gallegos (1863) de Rosalía de Castro, o primeiro libro universal contemporáneo que se producira en Galicia. Un ano dedicado a don Paco, figura referencial do galeguismo progresista do século XX, afouto resistente interior ao franquismo durante catro décadas, teimoso editor e motor de Galaxia, editorial da que foi ideador xunto a Xaime Isla, lector letraferido, escritor todoterreo, obreiro das letras galegas, activista e divulgador cultural en centos de páxinas en galego, primeiro no suplemento dos sábados de “La Noche”, despois en FARO DE VIGO e “La Voz de Galicia”. Todo un ano para afondar na biografía e na ampla obra cultural dun home de temperamento optimista, tolerante, dialogante, pacífico até o lirismo, que dedicou canto menos oitenta primaveras a que o soño dunha nación galega dona de seu se proxectase no futuro, un seu máis íntimo degoiro.

Un ano del Riego no que Vigo deberá ter o principal protagonismo e responsabilidade. “Vigo é a miña vila”, confesoulle a Perfecto Conde, no seu libro de conversas (Xerais 2018), texto memorialístico clarificador, un diálogo auténtico e espontáneo que constitúe hoxe un testamento cultural e político aos seus 95 anos. “Vin para Vigo en 1939 e xa levo aquí 70 anos. Identifiqueime con Vigo, cos seus problemas, co xeito de ser da súa xente e o único que me afasta algo de Vigo é o seu pé coxo da cultura, Vigo é unha grande explosión industrial e comercial, pero ten un déficit de cultura indubidable”. Unha sincera declaración de lealdade á cidade á que confesa chegou cunha maleta chea de libros e incertezas para incorporarse como pasante do despacho de Paz Andrade da rúa Policarpo Sanz. Un Vigo de días difíciles nos que del Riego obtivo os seus primeiros ingresos como redactor dunha revista de reloxaría e máis tarde de “Imán”, de deportes e cine, antes que empezara a dar clases no colexio Mezquita de García Barbón, despois tamén no Labor, e fundara a Academia Sigma da praza da Constitución. Unha cidade da que don Paco se sentía orgulloso, “Vin como Vigo se foi facendo”, e da que acreditaba no seu futuro como Barcelona do Atlántico: “a posición estratéxica da cidade e os medios cos que conta poden posibilitar que o día de mañá Vigo adquira unha dimensión moito máis importante da que agora ten”.

"Dedicou canto menos oitenta primaveras a que o soño dunha nación galega dona de seu se proxectase no futuro, un seu máis íntimo degoiro"

decoration

Foi tamén en Vigo onde don Paco consagrou a súa vida á editorial Galaxia, á revista “Grial”, que dirixiu até o seu número cen, ás páxinas de “Arte e literatura” de FARO DE VIGO (1961), onde asinaba como Salvador de Lorenzana, e máis tarde na páxina de “Letras”, tamén no decano, xa en lingua galega. Como foi tamén en Vigo onde dirixiu a biblioteca Penzol, o maior fondo documental galego e sobre Galicia existente no mundo. Del Riego foi o motor de todos eses proxectos galeguistas: “Os demais eran máis reflexivos ca min”, confesoulle tamén a Perfecto Conde, “eu era un lanzado, e cando tiña que sacar adiante unha cousa, tiraba dela como fose”. En Galaxia, onde foi dende secretario a director xerente, don Paco alentaba teimoso a autores, como fixo con Cunqueiro, amigo dende a infancia, para que rematase Merlín e familia, mais tamén pasaba os textos a máquina, correxía galeradas, unificaba o idioma (a don Paco debéselle a supresión dos apóstrofos para facilitar a lectura) e facía os paquetes de novidades que logo enviaba á reducida rede de librarías que vendían libro galego.

Del Riego e Vigo arraigaron a súa relación cando coa alcaldía de Manuel Soto o Concello de Vigo acolleu os fondos da Biblioteca Penzol no que foi a antiga casa do concello, transformada en Casa Galega da Cultura. Proxecto ampliado polo goberno municipal de coalición de socialistas e nacionalistas presidido por Carlos G. Príncipe, que a dotou das instalacións actuais e de persoal para o seu funcionamento. Arraigo intensificado en 1995 cando don Paco doou á cidade de Vigo os 30.000 volumes da súa biblioteca persoal, o seu grande arquivo documental e de correspondencia, así como unha ampla pinacoteca, que hoxe ocupan dous andares do edificio da Porta do Sol coa praza da Princesa. Un valioso legado que amosa o vínculo de don Paco con Vigo como a súa cidade amada, unha querenza que compromete tanto ao Concello de Vigo, a Fundación Penzol, como a Academia Galega a modernizalo con motivo do 2023, ano del Riego. Tempo haberá de entrar en detalles sobre unha celebración que aventuramos contará en Vigo con ampla simpatía popular.

bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats