Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Abogada a tiempo parcial y escritora a tiempo completo, es autora de más de 16 libros infantiles y juveniles. En 2019 publicó su primera novela para adultos, "Infamia".

Unhas ás tatuadas no corazón

Nun día coma hoxe pero hai 98 anos, o magnate americano Howard Hughes intentou converter en realidade unha parte do delirio de grandeza que lle confesara ao seu círculo de confianza: “Quero ser o mellor aviador do mundo, o maior produtor e o máis rico da Terra”. Empezou a recibir clases de voo con 14 anos e herdou a fortuna familiar dos negocios do petróleo en Texas. Grazas a isto puido converterse nun famoso produtor e tamén deseñar os seus propios aeroplanos coma o Silver Bullet, co que logrou un récord de velocidade alcanzando os 566 quilómetros hora. Nos anos posteriores foi batendo diferentes marcas, pero foi o 10 de xullo do 1924 cando logrou transcender coma piloto, data en que subiu ao seu Loockheed Super Electra Special para lograr un voo récord arredor do Hemisferio Norte. Partiu con catro tripulantes desde Nova York en dirección a París, Moscú, Omsk, Siberia e continuou a ruta marcada ata regresar a Nova York. Completou a viaxe en 91 horas, 14 minutos e 10 segundos e a velocidade media do voo foi de 331,7 quilómetros por hora. Esta aventura converteuno nun heroe. As páxinas de ‘The Guardian’ relataron que á chegada do Super Electra había miles de persoas agardando no aeródromo. Cando avistaron o avión desatouse o caos. Tivo que intervir a policía e obrigalos a retroceder. Mais a realidade é que a entrega de Howard Hughes ao mundo da aviación supuxo unha importante factura. Sufriu catro accidentes de avión que lle provocaron un desprazamento do corazón, queimaduras no 75% do seu corpo e o lóbulo central frontal afectado para sempre. Morreu no ano 1976.

Xullo tamén foi o mes en que naceu en Kansas a muller cunhas ás tatuadas no corazón: Amelia Earhart. Hai que remontarse ata o 1898. Amelia foi a primeira muller que fixo a travesía do Atlántico en solitario establecendo unha nova marca de velocidade, ao conseguir chegar a Irlanda en trece horas cincuenta minutos. A diferenza de Hughes, herdeiro dunha auténtica fortuna, Amelia pasou unha época coma enfermeira nun hospital de campaña en Canadá e traballou en Boston de asistente social. Amelia casou e decidiu conservar o seu apelido de solteira, algo insólito naquela época. A paixón por voar non debeu ser moi diferente que a de Howard Hughes. En xaneiro de 1935 Amelia fai unha travesía en solitario entre Hawai e California sendo a primeira persoa en conseguir completar esta travesía con éxito. Amelia converteuse nunha auténtica heroína, unha muller que nacera para sucar o ceo. No 1937 anuncia que vai intentar dar a volta ao mundo empregando unha ruta diferente da que se adoitaba tomar neste tipo de travesías. En lugar de facer etapas polo Hemisferio Norte, Amelia voaría xunto co seu copiloto Frederick J. Noonan seguindo a liña do Ecuador a bordo dun bimotor Loockheed Electra 10-E. Partiron desde Miami ata Sudamérica e África. Cando levaban 33000 quilómetros, o avión desapareceu no medio dunha treboada. Hai quen defende que Amelia acabou nunha illa onde viviu coma unha náufraga ata a súa morte, mais isto é imposible de demostrar. A data oficial que consta do seu falecemento é o 2 de xullo de 1937.

Compartir el artículo

stats