Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

Don Paco e a ortodoxia

“... Por suposto que cando D. Valentín, D. Paco e eu baixamos as escalerias sempre ao pé de paredes azuis-ruinosas, rodapés de azulexos (...) que dan, finalmente, aos baixos da Biblioteca Penzol, (baixos segredos, para os que D. Paco ten máis chaves có sartego de Mío Cid), un brinco súbito voltexaba xa no corazón.” Velaí, e reproducido vaia coa licenza de todos Vdes., o inicio do segundo parágrafo da miña novela O reverso do espello (1984). Estaba eu, daquela, camiño dos trinta e O reverso... viña constituír o meu primeiro texto narrativo dado a coñecer ao público galego; unha aventura para a que contei, desde logo, cos parabéns de D. Valentín (Paz Andrade), do responsable de Edicións Xerais, o infelizmente desaparecido Luís Mariño e, nin que dicir ten, do propio D. Paco quen non só apoiou con insistencia o proxecto -cuxa saída fomos celebrar como lle cómpre: houbo tortilla (“non de Betanzos e sen cebola, non te ofendas”, matizou) e outras estupendas viandas polo medio- senón que incluso veu fantasear, á súa vez, coas circunstancias “colaterais” do mesmo. “Vouche dicir unha cousa -espetoume mentres agardabamos xa polos cafés-: ti escribiches, de coña, iso dos baixos segredos da biblioteca, pero o que non sabes é que eses baixos si que existen e que alí están agochados os segredos...” “Os segredos do galeguismo histórico, quere dicir?”, atalleino. “Estou falando en serio -abaneou a cabeza-. A xente da túa xeración..., en fin; non sei por onde andades...”

E, en efecto: nos anos seguintes -o inicio da miña relación con el data de finais dos setenta-, D. Francisco Fernández del Riego (o sempre inesquecible D. Paco) si que me demostrou que tales segredos si que existían/existen. O que acontece é que se trataba, e que se trata, de segredos que, en realidade, están a vista de todo aquel que teña ollos, cerebro e sobre todo corazón para ser quen de pousar neles. Alén diso, D. Paco non precisou nunca de enfeitarse de mago Merlín, de recibir a ninguén nalgún recanto escuro e inefable, parapetado detrás de mobles míticos, atrincheirado en retóricas pseudoontolóxicas, vendedor de apócemas milagreiras, reclamos e conxuros extraordinarios cos que engaiolar os neófitos. E é que se, despois de todo, mago foi, a súa meiguice veu ser xustamente aquela do agarimo, da indulxencia, da comprensión e da inmensa xenerosidade diante dos que se lle achegaban, máis aló das iniciais -e lóxicas- discrepancias que sabía aceptar con paciencia, humor e procura do diálogo. Un diálogo, iso si, exercido desde a ortodoxia.

“É Vde., D. Paco, un ortodoxo? Quero dicir, un ortodoxo do galeguismo?” Tal foi a pregunta que lle fun facer, un ou dous anos máis tarde da publicación de O reverso, e para unha entrevista aparecida nas páxinas desde mesmo diario. Non tivo dúbidas, daquela, o meu mentor e amigo -el sempre preferiu apenas o segundo cualificativo, “ti es amigo de Paco”, aclarábame decote a súa muller, Dna. Evelina- e responderme que si; naturalmente que se sentía, e cómo non, un “ortodoxo” do galeguismo se é que iso significaba, como significa de certo, proseguir na lección de Bóveda e Castelao, na xeira do Estatuto do 36: é dicir, o pacto pola república federal e polo progreso; o labor en favor da democracia e pola consecución do poder político para ao pobo galego, libre dono dos seus sinais de identidade socio-cultural. Por todo iso soñou; por todo iso loitou; por todo iso viviu.

Onte, sábado, fun dar coa feliz novidade esparexida polos diferentes medios de comunicación. Finalmente, o Día das Letras Galegas de 2023 vai celebrar o creador da efeméride: D. Paco del Riego virá ser, ao cabo, a figura homenaxeada nesa data senlleira. Ignoro, desde logo, como transcorreran as cousa de aquí ao próximo 17 de maio, coido que estaremos de acordo en que habitamos nunha xeira difícil. Boto de menos, entón, o seu consello, a súa presenza...; mais é dura lex, sed lex do noso periplo vital que el xa non estea, fisicamente, entre nós. En todo caso, coido que ben podería ser, a ocasión, un momento especialmente propicio para reflexionarmos; reflexionar de onde vimos, onde estamos e onde queremos estar como cidadáns e como nación. “Si que hai futuro!”, aseveroume en certa ocasión perante as miñas incertezas. Quero acreditar que D. Paco -o meu D. Paco, o noso D. Paco- levaba razón.

Compartir el artículo

stats