Opinión | DE BOLINA

“Como Pedro por su casa”

En realidade, todo parece indicar que non o sentenzase tal e como figura no noso rótulo de hoxe senón, máis loxicamente, en inglés made in Delaware. Poñamos, daquela, que talvez algo semellante a “as if I (he; o noso protagonista, vaia) owned the place”. Vaia; saiban disimular os, sempre moi amables, lectores destas crónicas (que hoxe se despiden deica setembro; que teñan Vdes. un moi feliz verán) a imprecisión filolóxica.

Mais en calquera caso, e trocando “Pedro” por “Felipe”, velaí o latexar que, en efecto, experimentou o presidente dos todopoderosos USA e NATO/OTAN adxacente, Mr. Joseph Biden, cando nos pasados días foi recibido nas estancias do Palacio Real de Madrid polo soberano das Españas. E tanto resulta tal que, coas cámaras rexistrando para a posterioridade o momento histórico, o tío Joe non dubidou en espetarlle a Felipe VI: “…así que ten cuidado, que quizais non nos vaiamos de aquí!”. Desde logo, nin pensar quero nesoutro que lle puido chantar, en privado, o inquilino da Casa Branca a Pedro Sánchez cando ambos se reuniron, á súa vez, nas dependencias da Moncloa. E é que se ben é certo que “la española cuando besa, es que besa de verdad”, non o é menos que cando un norteamericano invade territorio alleo, acontece que o ocupa, así mesmo, moi ao certo e ademais… Pero non; acaso non conveña, con todo, devirmos tan ofendidos.

A ver: como é ben coñecido por todos, nin en 1914 nin tampouco en 1939 foi participar España nas grandes conflagracións que en tales datas estouparon; antes ben, os nosos gobernantes daquelas xeiras optaron por se manteren neutrais diante do(s) conflicto. No 14, en ningún momento puido prometernos o káiser Wilhelm II a restitución de Xibraltar –ese vello, e inalcanzable, devezo hispano– toda vez que a frota imperial alemá nunca se mostrou quen de desafiar con éxito o poderío da Royal Navy. Da súa parte, os Aliados –como non deixa de anotar Fernando García Sanz– simplemente “non necesitaban a España”, abondáballes con utilizala á súa comenencia.

“En realidade, un ten os aliados que pode ter; non os que quixera ter”

Xa en 1940, na célebre entrevista de Hendaia e para alén das retóricas oficiais, Francisco Franco e Adolf Hitler foron coincidir de facto na non belixerancia española. O “caudillo por la gracia de Dios” porque consideraba que Alemaña nunca acabaría derrotando o Reino Unido, sempre favorecido pola eventualidade dunha intervención norteamericana. O ditador nazi porque entendía moito máis importante a posible complicidade da Francia de Pétain e Vichy que esoutra concorrencia dunha España débil que, ademais, buscaba reclamar un anaco do pastel colonial francés. En fin; desta vez os Aliados si que tiveron o que se di todo un xesto: se ben que o individuo, Franco, resultaba ser para eles un auténtico“son of a bitch”, viña tratarse asemade de “our (deles, vaia) son of a bitch.” Nin falta fai, penso, traducirmos a frase.

Neutrais, xa que logo? Non estaría nada mal a conxuntura se de veras estivésemos a falar dunha decisión libremente conformada e avaliada –sempre e sobre todo– por un verdadeiro poder económico-militar de noso. Mais sucede, para maior despropósito, que aqueles que a veñen reclamando –a dita neutralidade–, non dubidan en mostrarse unha, dúas, tres… enésimas veces contrarios a calquera proceso tendente a aumentar semellante dominio. Confiadísimos, polo visto, nesoutra potencia e eficacia do verbo fácil, acaso agardan seren capaces de deteren con tales armas os carros de combate, os mísiles e avións de Mohamed VI se un bo –mal– día (e que os deuses non o queiran) o rei de Marrocos decide ocupar polas bravas Ceuta, Melilla… e mais o que lle cadre. E, vale, cómpre dialogar; porén, significa un refrán arxentino que dous nunca bailarán un tango se un de ambos non quere (ou permanece xordo).

Talmente como el mesmo –Pedro (Sánchez)– pola súa casa: eis a eufórica sensación de Mr. Biden polos Madriles adiante. Coido que foi Churchill –sir Winston always– quen ditaminou aquilo de que “un ten os aliados que pode ter; non os que quixera ter”. Vale, pois, que andamos entre políticos; así e todo, coido que cabe matizar que algúns aspirantes a relevar canto antes o actual presidente do Goberno español da súa cadeira, deberían tomar boa nota do adaxio británico antes de botaren a lingua a pacer.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents