Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Canto comunal

So a voz “poveira”, no Dicionário da Linguagem de Marinha de Humberto Leitão (Edições Culturais da Marinha, Lisboa, 1990), lese isto: “Lancha usada pelos pescadores da Póvoa de Varzim. É de boca aberta, tem maior pontal a vante que a ré; arvora um mastro, que fica muito inclinado para a ré e no qual arma uma grande vela latina. Pode andar também a remos, que trabalha em toletes. É embarcação muito boieira”. Parece que este tipo de lancha era tamén de uso na Guarda, Galicia, onde recibiría o nome de “volanteira”. Hoxe, na vila da Guarda ten base unha única lancha volanteira, labrada de novo, como quería Joan Zorro e seguindo o modelo que prevaleceu nas lembranzas, nos relatos e nas vellas e saudosas fotografías. Infórmannos de que o irmandamento municipal entre a Póvoa de Varzim e a Guarda vai avante con toda e de que a lancha que contribuiu a unir ambas vilas vai tomando a forma condensada dun emblema.

Ao barco renacido a Norte do Miño puxéronlle de nome “Piueiro”, o cal acumula peso físico e tradición. Explicáronnos que o “piueiro” é unha pedra que se emprega na pesca á volanta, arte de deriva. Sospeito que a volanta tivo o seu quiñón nas guerras da traíña que aínda lembraban os vellos mariñeiros dos meus días mozos. Igual ca os Zés Pereiras, ou ranchos de percusión do Alto Minho, se confonden coas Treboadas da Terra de Turonio, enchendo o mundo de estronicio cósmico e primitivo, as lanchas da Guarda e da Póvoa (“Poba” en dialecto) mollan a broa da memoria nos prebes da vella unidade.

"O irmandamento municipal entre a Póvoa de Varzim e a Guarda vai avante con toda e a lancha que contribuiu a unir ambas vilas vai tomando a forma de emblema"

decoration

Digamos aínda que o Piueiro da Guarda ostenta na vela un enorme retrato de Rosalía de Castro. O que nos leva a Anxo Angueira para decer que está xa nas librerías o seu libro de poemas Palmeiras, piureiros, Chan da pólvora, Compostela, 2021. A palabra “piueiro” amosa a súa face na literatura aquí por vez primeira, e eu ácholle relación cos pesos prehistóricos de rede que se poden atopar nos xacementos que Cuevillas chamou de Cultura Camposanquiense. Arrequentando o pulo innovador que supuxo o Valo de Manselle en 1996, Angueira dá ao público un mollo de poemas que arraízan na vivencia comunal. Do mesmo xeito que Seamus Heaney foi capaz de transformar unha bomba de auga en símbolo irlandés, Angueira, en libros anteriores e no actual, converte a flor azul do liño, un muro levantado en cooperación, certa palmeira morta, ou un pandullo relacionado coa pesca, en símbolos nacionais galegos.

Compartir el artículo

stats