Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

Ata o infinito

Son desas persoas que adora Toy Story. Esta saga toca todas as fibras que ten que tocar para catapultarme directa a ese mundo onde os xoguetes teñen vida e corazón. Hai fitos importantes no final da nenez que é imposible lembrar: a derradeira vez que te collen no colo, o momento en que ese peluche que necesitabas para durmir deixa de ser indispensable, esa noite en que xa non pides que deixen prendida a luz do corredor porque tes medo da escuridade... O tránsito á vida adulta está repleto de momentos cruciais que se perden na brétema da memoria. Reflexiono con certa frecuencia en que ser unha persoa adulta está relacionado con esquecer e con perder a capacidade de marabillarse. Non me sorprende cando escoito un neno dicir con rotundidade que as persoas adultas somos aburridas. Loito contra isto: quero ser unha adulta, mais sei o que queren dicir as nenas e nenos cando falan neses termos. Pero eu falaba de Toy Story e dese momento da infancia en que os xoguetes están vivos e son os teus aliados, e a amizade ten un poder sobrenatural capaz de derrotar calquera monstro. Con todo isto facendo o seu traballo na miña cabeza e tamén intrigada polas críticas feroces que recibiu a nova entrega de Disney-Pixar, Lightyear, prohibida xa en 14 países, fun ao cine. Intento ver todos os meses unha película de animación no cine co meu sobriño de 5 anos. Comentamos as escenas, rimos case sempre cos mesmos chistes e emocionámonos (aínda que non sempre por idénticos motivos). Con Lightyear houbo rebumbio nos medios. Nalgúns países decidiron poñer unha advertencia: “película con ideoloxía de xénero”. Eu, analizando o momento en que se narra que Alisha, unha astronauta negra e mellor amiga de Buzz, ten unha parella que é unha muller e xuntas forman unha familia preciosa, o que pensaba era: “por fin!”. A escena do bico si me pareceu decepcionante. Agardaba fogos de artificio, confeti, unha bomba atómica. Con tantas voces escandalizadas comentando a xogada todo apuntaba a que ía ser un momento intenso, mais non é así. É o bico máis lixeiro da historia do cine.

Se esta película educa na homosexualidade, como lin nestas últimas semanas en tantos foros, entón todas as outras educan na heterosexualidade? Aplaudo que Alisha non sexa branca nin heterosexual como tamén celebro que a cuadrilla de protagonistas rompa con case todo o que vimos ata agora: unha moza negra, unha vella exconvicta, un rapaz racializado un chisco parvo, un gato robot adorable e simpático e Buzz, que non só é un varón branco cishetero, senón o varón branco máis cishetero que existe. Tanto é así, que a voz da versión orixinal da película é de Chris Evans, coñecido por interpretar o Capitán América nas pelis de Marvel.

E que hai da historia? A historia é das que quedan para sempre: profunda, emocionante e divertida. Con Toy Story, como con Lightyear sempre ata o infinito e máis alá!

Compartir el artículo

stats