Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Amnesia histórica

Para a reunión da OTAN en Madrid, Sánchez recibiu Biden ao pé da escalinata da Moncloa en lugar de facelo no patín e encadrados os dous políticos pola parella da Garda Civil en posición de “presenten armas”. Nunca deixei de pasar pola praza da Moncloa sen facer recordación dos fusilamentos do 2 de Maio e do asasinato de Buenaventura Durruti. Nun xesto simple de Sánchez, evidénciase a súa suxección ao Imperio. Deixemos para outra ocasión Novo México, Texas, Florida e outras que foran estremas do Imperio Español.

Veñamos a máis perto: 1898, ano no que naceu García Lorca. Os Estados Unidos entraron en guerra contra España e derrotárona por terra e por mar. Razón pola cal Madrid houbo de lle entregar a Washington, Cuba, Puerto Rico, Filipinas, Guam. Contan de Montero Ríos (plenipotenciario de España) que esgallou a súa pluma fonte contra a mesa despois de asinar o Tratado de París. Cuba non foi realmente independente até a Revolución de Castro. Filipinas, para selo un pouquiño, tivo que agardar até a rendición do Xapón. Guam e Puerto Rico continúan a ser colonias dos EE UU.

Se a lingua castelá goza de boa saúde (por lealdade da súa poboación) en Puerto Rico, Norteamérica fixo desaparecer o idioma de Cervantes no Sudeste Asiático para sempre. Por suposto que a xeración do 98 naceu deste conflito, pero os seus escritos xa non están presentes no discurso político-cultural de obediencia española. Digamos que “la rancuna mayor non la puodo oblidar” –que dicía Mío Cid no poema correxido por Menéndez Pidal–. Non esquecemos que ao termo da Guerra Mundial, os EE UU non propiciaron a toma do poder dos pobos ibéricos nos estados feixistas de Portugal e España.

Lembremos aquela aperta de Franco con Eisenhower que ilustraba a cesión das bases militares que hoxe son reactivadas contra Rusia e China. Sánchez insistiu nos lazos de amizade que unen o Estado Español cos Estados Unidos. Erdogan criminalizou os kurdos na OTAN; Sánchez non foi home de ter unhas palabras pola autodeterminación de Puerto Rico e xa non digo en favor de Cuba, Nicaragua, Venezuela. Parece ser que, tanto no plano individual coma no colectivo, a desmemoria, por unha banda é interesada sendo,pola outra, causa frecuente de alteracións patolóxicas. Sigmund Freud, médico novo, nunca esquecía as visitas a doentes con posibilidades económicas e esquecía, con frecuencia, aqueles aos que non pensaba cobrarlles as atencións médicas.

Compartir el artículo

stats