Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

De Contrasta a Valença

En ribas da marxe esquerda do Miño erguíase unha vila fortificada cuxo nome, Contrasta, parece sacado dun “roman” artúrico ou dun episodio do Orlando Furioso de Ludovico Ariosto. Tal nome, enigmático e artificioso, trasmítenos a idea de dureza, resistencia e inexpugnabilidade. Nas torres e muros de Contrasta podemos soñar bandos de gárgolas arrevoando e mesmo as evolucións de aves heráldicas nun ceo de pesadelo. Desde a súa eminencia, Contrasta ollaba, desafiante, esoutra acrópole que Tui é.

O quinto rei de Portugal, Afonso III o Boloñés, reconstruíu a vila forte, repoboouna e trocoulle o nome de Contrasta polo de Valença, que perdura como Valença do Minho. Afonso III (rei de 1248 a 1279) culminou a Reconquista e fixou a raia Norte e Leste de Portugal que, desde aquela, pasa polo mesmo sitio, con poucas excepcións como poidan ser a de Olivença e a do Couto Misto. Portugal ficou, con don Afonso o Boloñés, completado e presto para a súa expansión imperial no Mundo. Frei António Brandão contouno así nunha crónica que reproduce as palabras reais: “...mutavimus sibi nomen de Contrasta et imposuimus ei nomen Valentiam...”.

"O quinto rei de Portugal, Afonso III o Boloñés, reconstruíu a vila forte, repoboouna e trocoulle o nome, que perdura como Valença do Minho"

decoration

O caso é que Valença do Minho sustituiu a Contrasta e, esta, ficou en estado fantasmático, suspendida no ar coma Castroforte do Baralla. E ocorreu, co tempo, que Portugal foi caer na gadoupa de Filipe II de España, “siempre de negro hasta los pies vestido”. De modo que Portugal se degradou so o dominio castelán durante o reinado do construtor de El Escorial e mais doutros dous Filipes: o III e o IV.

Pro as vontades mudaron de vez e, o un de decembro de 1640, nun golpe audaz con repercusión popular, Portugal foi de novo un estado-nación e plenamente soberano. O que levou a vinteoito anos de guerra durante os cales houbo de todo.

Coma tal, que as tropas portuguesas chegasen a Vigo ou que o conde de Castelo Melhor, poderoso ministro, intentase a reunificación de Portugal con Galicia (o que, como saben, non tivo lugar). Despois da restauración da súa independencia en 1640, Portugal afortalou as defensas da raia; en especial a de Valença, sobre a cal Contrasta levita sempre.

Pasan, entre as néboas do Miño e da memoria, cabaleiros con tricornio e casaco militar. Son os enxeñeiros L’ Escole, Pinto de Vilalobos, Champaulimaud, que se aplican á renovación de Valença seguindo a norma francesa de Vauban. Converten Valença en cofre forte e alfaia da fronteira do Miño.

Sentimos moi lonxe as guerras con Portugal nestes días nos que a cooperación galegoportuguesa triunfa na realidade das eurocidades, entre as cales figura a que une Tui con Valença. Lemos nos xornais que delincuentes arraianos especializados en metalurxia anticuaria roubaron da muralla de Valença un dos canóns do século XVIII que este cronista tocou de meniño con respecto.

Compartir el artículo

stats