Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Futuro hipotético

En días pasados do mes en curso decorreu, en Los Ángeles, o Cumio das Américas. Ignoro quen lle concedeu ao goberno dos EE UU a facultade de elixir, en por si, cales países serían convocados ao encontro e cales non. En todo caso, Washington prohibiu a presenza de representantes das repúblicas de Cuba, Venezuela e Nicaragua. Seica, para Biden, nestas nacións non rexe o sistema democrático.

A pesar de ser un reino europeo, España estivo en Los Ángeles. Non deixa de ser certo que un día foi un estado que posuía territorios que ían de Texas e California aos xeos da Antártida. Pero España foi expulsada deles polos ventos da Historia. As tres repúblicas vetadas en Los Ángeles forman parte do que se chamou Hispanoamérica e, hoxe, en termos máis latos, recibe o nome de América Latina. Outros países latinoamericanos e do Caribe non quixeron estar presentes por distintas razóns. En canto a Puerto Rico, tampouco tivo asento na reunión por ser unha colonia norteamericana desde 1898.

Estivo alí, e fixo ben en estar, o presidente da Arxentina, Alberto Fernández, quen criticou a discriminación negativa sufrida polas tres repúblicas de goberno nacional-popular e de esquerda. O discurso de Fernández resultou brillante e incisivo. Contrastaba coa linguaxe sen estilo que domina hoxe en cónclaves coma o de Los Ángeles.

“O Cumio das Américas formaba parte da chamada á mobilización total que os EE UU lanzan coa fin de recuperaren o liderato mundial que cren ameazado por China e Rusia”

decoration

En realidade, a xuntanza formaba parte da chamada á mobilización total que os EE UU están lanzando coa fin de recuperaren o liderato mundial que eles consideran ameazado por China e Rusia principalmente. En efecto, os tempos da unipolaridade e mando global áchanse en proceso de disolución. A orde de reagrupamento soa coma as cornetas e tambores nos cuarteis franquistas, ou sexa, coza reiteración e urxencia do toque de “generala”: reactivación da OTAN, conflicto anti-ruso con implicación económica planetaria, satelización da UE.

Agora, o Imperio trata de se recompoñer e mata o galo igual ca o mancebo do conto de Don Juan Manuel. España recibe a orde de entregarse en mans do rei de Marrocos e lle vira as costas á causa dos saharauis. Moitos desexan un futuro multilateral no que os EE UU deixasen de exercer o mando único. Con todo, este imperio vixente, coma todos os anteriores, está fatalmente destinado a desaparecer.

Compartir el artículo

stats