Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

Isabel II e Paddington, amigos para sempre

Co gallo da celebración do xubileo de platino de Isabel II, sucedéronse no Reino Unido catro días de celebración que nos deron grandes momentos. Setenta anos de reinado son un motivo de peso para organizar actividades coa raíña coma gran protagonista. Houbo un desfile militar, a raíña prendeu a incrible cadea de luces que ía desde o Castelo de Windsor ata o Palacio de Buckingham ao tempo que no Reino Unido e os países da Commonwealth acendían milleiros de faros, e reapareceron o príncipe Harry e Meghan Markle, logo de dous anos sen asistir a un evento real. Mais se teño que escoller un momento estrela eu elixo o vídeo onde Isabel II comparte un té co popular oso Paddington. É habitual que personaxes da literatura acaben sendo popularizados polas súas versións cinematográficas, que en moitos casos eclipsan as versións literarias. Mais, neste caso, recoñezo que me resultou sorprendente que en tantos medios se referisen a Paddington coma un produto cinematográfico. Porque se ben é certo que a finais dos anos noventa se estreou unha serie baixo o título The Adventures of Paddington Bear, este oso devoto da marmelada de laranxa que ten un don para meterse en problemas, existe desde o ano 1958 grazas a Michael Bond. Contan que Bond mercou un oso de peluche para a súa muller en Selfridges nunha Noiteboa, e que o bautizaron coma Paddington porque esa era a estación de tren máis próxima á súa casa. Michael escribiu unha historia (A Bear Called Paddington), sen saber que estaba creando o personaxe máis popular da literatura infantil do Reino Unido. O mesmo que o acabaría retirando do seu traballo como cámara da BBC para entregarse en corpo e alma a este proxecto que medrou ata se converter nunha verdadeira icona. O punto de partida é que Paddington naceu en Darkest Perú. A súa tía decide mudarse a unha especie de Fogar para Osos Retirados e envía o seu sobriño a Inglaterra cunha maleta e un letreiro colgado do pescozo que di: “Por favor, coiden deste oso. Grazas”. Unha familia atopa a Paddington e decide adoptalo. Aí empeza a súa nova vida, que estará marcada polos seus esforzos por integrarse cos seres humanos.

Paddington triunfou da man de Michael Bond. Vendeu máis de 35 millóns de exemplares e os títulos da colección foron traducidos a máis de 40 linguas. Na estación de Paddington hai unha escultura do oso onde aparece co seu sombreiro, a maleta e o letreiro que levaba no pescozo. Foi inaugurada por Michael Bond, que faleceu con 91 anos no 2017.

Foi unha sorpresa ver o famoso vídeo (que se fixo viral e cuestión de minutos), onde Isabel II e Paddington comparten un té. E por fin puidemos saber que garda a raíña no seu bolso: un sándwich de marmelada, a comida favorita do oso. “Feliz xubileo, señora. E grazas por todo”. Esas foron as palabras que lle dedicou Paddington á raíña. Emocionoume que un personaxe da literatura infantil tivese esa presenza nos actos do xubileo de platino e que esa escena voase por todas as pantallas do mundo. Viva Paddington!

Compartir el artículo

stats