Pois aínda que pareza mentira, o culebrón do famoso peloteiro rematou definitivamente e mal para os do Irreal Madrid, porque quedaron con cara de pasmo, compostos e sen noiva, máis ben sen futbolista. A cousa non da para máis, pero para algúns quedará por e para sempre nos anais da traizón, nas casas dos madridistas de pro xa se acuña o termo: facer un Mbappé, cando se quere reflectir unha frustración, un maquiavélico engano, ou unha puñada trapeira e polas costas. Poñan un Mbappé nas súas vidas, oian, e bótense a durmir, e cando acorden o que era xa non é, e do dito ao feito vai un treito, ou ande yo caliente y ríase la gente, que supoño que é o que opina o rapaz ese, e que donde dije digo quería decir Diego.

En fin, cousas de cada día que carecen da máis mínima importancia, se non fora porque para algúns resulta ser razón de estado, prime time e valor absoluto, máis lles valera ocuparse doutros asuntos. O máis curioso de todo este embrollo é como durante meses a prensa deportiva estivo enchendo páxinas en branco e negro e a cor, sobre o asunto, segundo eles pechado, do traspaso do futboleiro dende o PSG ao Real Madrid, e ao final, patinaron e meteron a pata ata arriba, o que unha vez máis nos recorda que unha cousa é unha cousa e outra cousa é outra.

Entre tanto, aquí seguimos coa gasolina nas nubes, o prezo da luz con máis sombras que luces, o gas que non carbura, a inflación disparada e descontrolada, o paro en cifras que dan vértixe, a contratación e o emprego, na eterna senrazón do labirinto de sindicatos e patronais, cada un colocado na súa dialéctica intransixente, o que agora se traduce no disparate de que non hai xente para traballar, e inventan un novo concepto do mundo mundial: “a gran dimisión”. Vamos, que a xente xa non acepta asumir traballos de escravitude, firmando vinte horas cando de feito traballan trinta, e cobrando en nómina mil, que por arte de birle birloque se quedan en oitocentos. Pero, claro, isto non é o tema, e que a xente é moi burricana e prefire cobrar o que acordaron e traballar as horas que se contrataron. Claro que ninguén se fai rico co que gaña, senón co que aforra, que é o que defenden os outros.

Entre tanto, meditando en que as inxurias ao rei son un delito penado con non sei cantos anos de cárcere, pero se ese mesmo monarca desvía fondos, cobra en negro, rouba, engana ao fisco, e rise de todo o sistema xudicial, lexislativo e executivo dun país, Bribón de Sanjenjo (Uf, perdón, quixen dicir Sanxenxo), mentres navega feito un brazo de mar, non pasa nada, porque é moi riquiño, e tan sinxelo e humano... Vou camiño do bar a ver se lle digo ao colega: Ponme unha de Mbappé, Sam, que afogue as penas.

País este!