Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Praza de Portugal

Nos anos cincuenta e sesenta do século pasado, a rúa do Uruguay destacou en Vigo polo seu rebulicio viaxeiro. O tren eléctrico que nos levaba a Baiona entre mar e leiras de millo tiña o seu punto de partida en Uruguay. Alí varias empresas de coche de liña unían Vigo con cidades e poboacións de case toda Galicia. A estación do tren non se achaba lonxe e as viaxes imaxinarias tiñan o seu pazo na sala de proxeccións do cine Fraga.

"Chegou a época do negocio dos aparcadoiros e o concello vigués permitiu a desfeita e participou nela"

decoration

Na derradeira porción da rúa, o Hotel Junquera acollía visitantes internacionais e era escenario de historias novelescas que nunca foron escritas. Á rúa do Uruguay abría, solemne, o acceso á Praza de Portugal. Esta fora proxectada polo arquitecto Jenaro de la Fuente e inaugurouse, segundo teño entendido, no ano 1929.

Alí cantaba a auga en dúas fontanas cuxo motivo ornamental básico era o golfiño interpretado segundo o arquetipo grego clásico. Unha pérgola, ou lobio, ofrecíalle un lugar de acougo ao paseante soñador ou reflexivo. En 1934, o comité da Exposição Colonial do Porto dooulle a Vigo en sinal de amizade unha cabeza de bronce que representa Camões e que é obra do escultor José de Sousa Caldas. Pero este lugar ameno e republicano que era orgullo do Vigo de outro tempo non había de durar.

"En todo caso, unha visita á exposición de Leiro na antiga prisión e xulgados de Vigo consólanos da perda"

decoration

Chegou a época do negocio dos aparcadoiros e o concello vigués permitiu a desfeita e participou nela. Procedeuse a desarticular os elementos artísticos e a destruír o espazo público da Praza de Portugal. Para instalar o parking desmontaron a escalinata, as fontes e os seus arroaces helénicos, mentres a testa de Luís Vaz de Camões foi mudada sen motivo de sitio. A pérgola foi parar a Bouzas mentres os balaústres terminaron instalados en lugares e paisaxes da cidade para os que non foran concebidos. Anacos da Praza de Portugal poden verse hoxe na Praza 8 de Marzo.

Outros fragmentos desartellados desapareceron e estarán en armacéns municipais ou tal vez foron mercadeados. Será posíbel devolverlle á Praza de Portugal o seu encanto despois de semellante vandalismo capitalista e institucional? Coido que non. En todo caso, unha visita á exposición de Leiro na antiga prisión e xulgados de Vigo consólanos da perda.

Compartir el artículo

stats