Final da primavera. Fin de curso e selectividade. Nervios, calor abafante, choiva e debates tramposos. Alumnas e alumnos enfróntanse a tres días de exames mentres políticos e profesionais da opinión volven a liarse nun clásico da discordia: a educación. Un cabalo de batalla político sen fin.

As palabras esforzo, ascensor social ou méritos mestúranse nas redes sociais e os xornais até que pase o verán e volvamos a comezar un novo curso como se nada. Se nos detemos a pensar no alumando que se examina das ABAU só un apuntamento previo. Por unha banda, leva desde os seis anos escolarizado, incluso antes. Neses anos fixo unha media de entre mil e mil douscentos exames. Si, reitero, entre mil e mil douscentos exames. Se non o cren boten contas. Isto significa que dos seus tres mil seiscentos días de vida entre os seis e os dezasete anos, descontando o verán, un de cada tres días realizou un exame. Por outra, tivo unha media de entre setenta e oitenta profesores e profesoras. Tamén, se non me cren, sumen as materias cursadas durante cada curso. Aínda así, desconfiamos de que foran suficientemente avaliados e decidimos que fagan máis exames. Se o índice de aprobados é moi alto na selectividade, tamén desconfiamos de que saiban facer xusto o que lles ensinamos. Isto é, facer exames.

Así as cousas, chegado o último chanzo antes da Universidade, de súpeto consideramos que o debate é entre o esforzo e a meritocracia empregando unha terríbel metáfora: o “ascensor social”. Como se houbera unha parte da sociedade que se queda no subsolo e outra sube a última planta do rañaceos en función da súa vontade. Para min a pregunta que nos interpela é outra, a saber, cal é ou debe ser a función da educación. Fora do tópico de facer cidadáns críticos, seguimos sen contestar a que é o que demandamos hoxe da formación dos nosos nenos e nenas. Primeiro, a educación non só reside nas escolas. Se unha sociedade declina educar no seu conxunto, dificilmente os e as docentes poderemos ensinar o valor do coñecemento, do respecto aos demais e da importancia do esforzo e o traballo ben realizado. Segundo, nos centros educativos vivimos con certa desilusión que se sospeite de nós: o profesorado. Que se cuestione a nosa autoridade, capacidade ou bo facer. Acumulamos horas e alumnado. Sinto ser tan clásica, pero ningún ordenador, nin todas as procuras de “google” xuntas, poderá substituír a unha boa ou un bo mestre. Terceiro, e derivado do anterior, a educación necesita tempo de calidade. Aprender é un proceso lento e complexo que casa mal coa ansiedade dunha sociedade que ten na velocidade das redes sociais a medida da súa felicidade.

Vivimos nun momento no que se acrecentan as desigualdades sociais e a fenda económica, onde medra o individualismo e unha especie de mala educación xeneralizada que ten no insulto e o falar a berros a práctica cotiá. Nese contexto a pregunta é: como pode a escola ser un espazo de redistribución, reequilibrio social e comportamento ético. Isto é, como pode remar contra corrente.

A cuestión non é se a escola prima o esforzo e o coñecemento. A cuestión é se a sociedade no seu conxunto os prima. Permítaseme parafrasear a Aristóteles para quen os valores non se ensinan, senón que se exercen. Berramos tanto que ao final todo é ruído. A educación tamén necesita silencios e calma. Iso que en tempos chamouse pensar.