Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

Un enigma, unha lebre e un engano

Christian Williams, coñecido popularmente coma “Kit”, foi un artista que se propuxo hai algo máis de corenta anos crear un libro que ninguén antes creara, algo verdadeiramente novo e sorprendente. A premisa pode parecer pretensiosa e esaxerada, mais a realidade é que conseguiu revolucionar Reino Unido no 1979. A obra responsable dun éxito que nin sequera o propio Kit agardaba, levaba por título “Masquerade”. En realidade, Kit fixo algo que ten certa relación co billete dourado de Willy Wonka, o protagonista de Charlie e a fábrica de chocolate. Kit Williams deseñou un libro que tiña premio. Neste caso, agochaba pistas para atopar un tesouro. A obra constaba de quince láminas surrealistas con figuras de fadas, nenos e animais que narraban a historia dunha lebre mensaxeira chamada Jack, que recibe un encargo: recoller unha xoia na lúa e entregala no sol. Mais sucede que Jack perde o amuleto. Cáelle na Terra. Son os lectores quen teñen que conseguir dar con ela. A persoa que conseguise resolver o enigma, atoparía a xoia perdida: unha lebre de ouro de 18 quilates e pedras preciosas elaborada a man por Kit. A primeira edición de Masquerade esgotouse en menos dunha semana e revolucionou o mercado editorial, acaparando as listas de vendas. Todo o mundo quería localizar a xoia. A febre pola caza do tesouro estendeuse a outros países. A xente viaxaba desde todas as partes despois de tratar de descifrar o enigma que estaba agochado nas ilustracións, entre quebracabezas, números atómicos, as fases da lúa e toda clase de combinacións incribles. Mais todos eles fracasaban. Onde estaba a lebre de ouro? Tan só dúas persoas coñecían a localización: Kit e un presentador popular na época chamado Bamber Gascoine que escolleron como testemuña. Enterrárana un lugar especial para o artista: un sitio onde Kit pasara unha tarde de picnic coa que era a súa moza naquel momento. Metérana nunca caixa de cerámica selada con cera para non puidese ser localizada mediante un detector de metais. Kit gravou a seguinte frase na caixa: “Son o gardián da xoia da Mascarada, que está agardando a salvo dentro de min para ti... ou a eternidade”. O xogo comezara. Desatouse unha auténtica loucura entre o público. Kit recibía duascentas cartas diarias de persoas que pensaban ter a resposta correcta. O artista non podía traballar nas súas obras, tan só ler e responder cartas. Dous profesores de física, despois de tres anos, lograron resolver o enigma. A sombra da Cruz de Catalina, situada no Parque de Amptill, indicaba onde estaba o tesouro. Mais chegaron tarde. Ou, máis ben, alguén se lles adiantou. Un home que era o novo mozo da exparella de Kit. Fora enviado por ela, que recordara aquela tarde de picnic no Parque de Amptill e os comentarios de Kit sobre o marabilloso que era ese sitio. O mesmo lugar onde os físicos buscaban o tesouro, sen saber que estaban a ser espiados por aquel descoñecido. Cando se descubriu o embuste, logo de entregarlle o coello a aquel home, Kit afirmou sentirse enganado e pasou anos recluído. Tempo despois, a xoia foi vendida polo seu propietario e tamén desapareceu ata o 2009, que foi exhibida polo seu novo dono nunha exposición. Kit prestouse a posar coa incrible lebre dourada e mesmo sorriu para as fotografías.

Compartir el artículo

stats