O río Deza conta cunha estación de aforos (punto no que se mide regularmente o caudal do río) en Ponte Cira, moi cerca da súa desembocadura no río Ulla. Esta estación leva funcionando moitos anos, ao longo dos que foron varias empresas hidroeléctricas e organismos públicos os encargados do seu control (recollida de datos e mantemento da estación de aforos).

O caudal do río Deza en 2022 é moi inferior aos seus valores medios

Ultimamente, Augas de Galicia (Xunta de Galicia) instalou unha estación automática, en outubro 2009 e conta con datos propios, que supoñen certas variacións cuantitativas respecto das series anteriores (Moncabril, Fenosa, Mopu, Tohiga). Por razóns de coherencia, neste artigo simplificado, utilicei os datos de Augas de Galicia (2009-2022) para elaborar o expresivo gráfico que aparece máis adiante e que nos indica, moi claramente, o problema de escaseza de auga que estamos a sofrir este ano 2022. Un problema que está direitamente relacionado coa meteoroloxía, coa escaseza de precipitacións que arrastramos desde o ano pasado.

O gráfico de caudal medio mensual, elaborado con datos de doce anos de Augas de Galicia, amosa, claramente, que estamos moi por debaixo dos valores medios, especialmente no mes de febreiro. O mes de febreiro é, nos ríos “réxime pluvial oceánico”, os da maior parte de Galicia, o que presenta un caudal máis elevado, característica que se da no río Deza, pero os datos de 2022 son anómalos, moi anómalos.

Alarma

A liña gráfica correspondente ao presente ano está por debaixo dos valores típicos e, incluso, leva unha tendencia a ser bastante inferior aos valores medios do verán (xullo, agosto e setembro). A non ser que teñamos un verán claramente anormal, con precipitacións moi por encima do habitual, este vai a ser un ano seco e con poucos precedentes ao longo da historia climatolóxica de Lalín, localidade que conta cun rexistro pluviométrico de longo alcance, o maior de toda a comarca de Deza (uns 70 anos en total).

Recurrindo a datos cuantitativos, unicamente temos referencia dunha seca similar, polo de agora, á que houbo no ano 1938, en plena Guerra Civil. Daquela, segundo datos recollidos por D. Ramón Aller no Observatorio Astronómico de Lalín, no ano 1938 tan só se rexistraron 720,9 mm de precipitación, o mínimo histórico coñecido. Segundo referencias testemuñais, no ano 1938, durante o verán, secaron moitos manantiais e, en moitas aldeas tiveron que ir na procura de auga potable a fontes que se atopaban cerca dos ríos, a niveis inferiores aos das aldeas necesitadas.

En vista da situación alarmante na que nos atopamos a día de hoxe e con prognósticos moi pesimistas para os vindeiros meses, é necesario que empecemos a adoptar medidas desde agora mesmo, medidas que deben ser impulsadas desde a propia Xunta de Galicia e desde os concellos responsables do subministro de auga para abastecemento dos domicilios.