Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Non é país para liberais

“Non é país para vellos”: velaí o título do exitoso filme dirixido por Joel e Ethan Coen, gañador de catro premios Oscar no ano 2007. “Non é país para liberais”: eis, da súa parte, esoutro co que acaso cabería rotularmos as opinións vertidas recentemente polo politólogo e profesor universitario Ignacio Sánchez-Cuenca nun programa nocturno de TV. E é que, en efecto, se por liberal entendemos aquela filosofía socio-política que vén defender a igualdade plena diante da lei, a diáfana separación de poderes e mais a limitación do papel desempeñado polo Estado na vida civil, é ben probable que debamos aceptar que este país de países, autonomías revoltés, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos si que coxea un tanto respecto do cumprimento de semellantes perspectivas. O que é máis: os nosos (pretendidos) liberais si que talvez actúen como tales no tocante a cuestións económicas; porén, acostuman perderse moi moito cando do que se trata é da defensa dos dereitos dos seus próximos.

Cuestión xenética? Herdanza cultural? Simplemente, a resaca dunha historia convulsa? Antropólogos, sociólogos… especialistas variados terán, ou non, a resposta adecuada. E vale: de certo que o autor destas liñas –e coido que asemade algúns/bastantes de entre os, sempre moi amables, lectores– está ben lonxe de estimar que por aí arriba, para alén da célebre cordilleira que nos limita coas pradeiras europeas, tampouco é que anden os nosos aliados a ataren os cans con longaínzas; con todo, non é menos verdade que, a pouco que consideremos o tempo que estamos a habitar, sucede que as actitudes antiliberais conforman unha efectiva sorte de tendencia transversal en destacados –demasiados– sectores da sociedade española. E tanto é así que dereitas e esquerdas –ou, mellor dito: determinados grupos da dereita e da esquerda– parecen fialo todo na consecución do poder político para, unha vez instalados alí, lexislaren a eito sobre o divino e o humano con absoluta impunidade. Na mellor limitación maquiavélica, parece aínda que aceptasen que o fin xustifica todos os medios dispostos, por moi retortos que estes se resolvan. Xa que logo, aquí do que se trata é de ordear e mandar. Punto e parágrafo.

E non me malinterpreten, por favor. Nin que dicir ten que concordo por completo en que as institucións do Estado (e das Autonomías, como parte del) teñen o deber de dispoñer aquilo que interpreten esencial para preservaren o sistema democrático, toda vez que este se caracteriza tanto por aquilo que permite como por aqueloutro que non debe nin pode permitir. Agora ben; a xeira inmediatamente pasada e presente, e de non remedialo, a futura, si que xorde diante da nosa perspectiva con sinais de incerteza cando non directamente ameazantes. Non sei Vdes., pero este cronista si que dubida arredor, por exemplo, de cómo se artellaron determinados episodios da xestión da pandemia –coa demonización das xentes novas e/ou dos noctívagos, tal e como se o virus devise máis ben un “vampirus” e/ou unha especie de praga bíblica que castigaba, si ou tamén, os “viciosos” usuarios de bares e demais espazos de lecer, convertidos así en semidelincuentes insolidarios–. Ou aínda, e coa escusa de efectuar un control máis efectivo sobre os accidentes automobilísticos –os cales están agora mesmo nun nivel de siniestrabalidade similar ao de 1960; sobre todo pola absoluta mellora das estradas–, respecto da imposición dun sistema de sancións que, ao paso que imos, pode ser o máis duro do mundo. E que dicirmos asemade respecto desouta pretensión de atallar a explotación sexual considerando como malfeitor ou criminal a todo aquel/aquela que participe, sequera de xeito circunstancial, como cliente dunha/dun profesional do ramo? É que consideran, se cadra e en plena epifanía da nova moral, prohibirlles aos adultos a contemplación de imaxes pornográficas? En fin, inmersos na “loita contra o fume”, eis a intención de penalizar o consumo do tabaco dentro dos automóbiles incluso cando o condutor dos mesmos viaxe en solitario.

E si, pode acontecer que, se cadra, acaden unha España saudable, segura, ético-moral, ecolóxica... Pero unha España, iso tamén, á que algúns e algunhas queren tanto que incluso están dispostos a baleirala de españois e de españolas: fuxidos/exiliados dela, os uns, a fume de carozo; os outros “disfrutando” dun perenne autoconfinamento físico e psíquico.

Non sei se Vdes. observaron o mesmo que o autor destas liñas: velaí certas xentes conducindo, completamente sós no vehículo, coa máscara antivirus posta. Unha España histérica? Segundo os nosos moi pouco liberais, todo o contrario: unha España realmente feliz.

Compartir el artículo

stats