Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Día de Portugal

Foi en 1934. Xosé Velo, Celso Emilio Ferreiro e Remixio González Gándara, dirixentes das Mocedades Galeguistas (ou Nacionalistas), decidiron dar un salto ao Porto por mirar a Exposição Colonial Portuguesa que fora instalada no Palácio de Cristal e sobre as ribas do Douro derradeiro. Os mozos, tras de recadaren as subvencións económicas precisas, metéronse nun coche de punto e cruzaron a raia e as augas do Río do Esquecemento. Xa no Porto, aqueles patriotas galegos, tan devotos de Portugal coma contrarios ao salazarismo, admiraron as feras engaioladas e gozaron do folklore e artesanato daquel que entón era o terceiro imperio colonial do mundo.

Un cartel colonialista chamou a atención dos visitantes galegos. Líase nel: “Portugal não é um pais pequeno”. Parece ser que o autor de tal expresión era o director técnico da Exposição, o militar Henrique Galvão que, andando o tempo, había de se pór ás ordes de Humberto Delgado e entregarse á Resistencia antisalazarista. E ben, no ano 1961, Xosé Velo foi encontrarse con Henrique Galvão no memorábel episodio do asalto e apropiación revolucionaria do barco portugués Santa María. Se voltamos ao ano 1934, veremos que o comité rector da Exposição Colonial lle doaba ao pobo de Vigo unha escultura que representa a imaxe de Camões e que foi situada na praza de Portugal da cidade na que eu vivo e escribo esta bagatela. No pasado, a Praza de Portugal de Vigo soía ser lugar de encontro de persoas portuguesas e galegas que se procuraban para a celebración do 10 de Xuño. Esta data sinala, desde o século XIX e con diversos nomes e ideoloxías adheridas, ven sendo Día de Portugal.

"O 10 de xuño se chamou Día da Raça, pero a revolución de Abril fixo desaparecer tal nome do almanaque oficial portugués"

decoration

Certo que o 10 de xuño se chamou Día da Raça, pero a revolución de Abril fixo desaparecer tal nome do almanaque oficial portugués. Hoxe significa unha festa na cal se cruzan a evocación do máis alto poeta da historia literaria portuguesa, Luis Vaz de Camões, coa afirmación nacional do único territorio peninsular que non se deixou xunguir ao xuguo de Castela e tamén coa referencia aos países hoxe independentes que un día integraron o imperio que aquel slogan que citamos pretendía exaltar.

Entre a Praza de Portugal de Vigo e a Praça da Galiza do Porto, presididas respectivamente, por monumentos a Camões e a Rosalía de Castro, corren ventos de simbolismo ancestral. Ao revés da portuense, a Praza de Portugal de Vigo está considerada como o espazo urbano máis maltratado da cidade. En todo caso feliz Día de Camões, de Portugal e das Comunidades antano colonizadas.

Compartir el artículo

stats