Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Abogada a tiempo parcial y escritora a tiempo completo, es autora de más de 16 libros infantiles y juveniles. En 2019 publicó su primera novela para adultos, "Infamia".

A sombra dos libros

A Feira do Libro de Madrid inaugurouse o venres 27 de maio. A primeira fin de semana foi un éxito de público malia a calor abafante que se respiraba no Parque do Retiro. A xente procuraba acubillo na sombra das árbores, detrás das casetas. Nesta edición foron trescentas setenta e oito. O paseo central estaba ateigado de visitantes. Do que non había nin rastro era das máscaras. Non esaxero se digo que non vin ningunha entre as centos de persoas que acudiron a esta cita. Despois da edición de 2020, suspendida pola pandemia, e a de 2021 marcada por unhas restricións que fixeron moi difícil o acceso, a de 2022 está a ser unha celebración colectiva. Os libreiros non dan abasto e isto é un síntoma de recuperación.

A primeira Feira do Libro de Madrid organizouse en 1933. Contan que foi unha especie de prolongación da Semana Cervantina e que as dimensións eran minúsculas, con tan só 40 casetas. Iso si, de diferentes cores e noutro emprazamento: no Paseo de Recoletos. O seu horario era de dez da mañá ás doce da noite e o gancho publicitario falaba do “panorama máis completo da produción editorial en español”.

No ano 1933 empezou a construírse o Golden Gate en San Francisco, Roosevelt tomou posesión como presidente de EE UU, o Partido Nazi gaña as eleccións en Alemaña e queima 20.000 libros que estaban na súa lista negra, Federico García Lorca estrea nun teatro de Madrid Bodas de Sangre, Ghandi é encarcerado na India e en España ten lugar por primeira vez o sufraxio universal nas Eleccións Xerais e as mulleres adquiren o dereito a votar. Nese contexto social nace unha feira que foi interrompida pola Guerra Civil. O parón durou ata 1944, en plena Segunda Guerra Mundial. Mais non foi ata 1982 cando a Feira do Libro de Madrid adquiriu a estrutura (e tamén a denominación) que conserva hoxe en día. Empezou a ser organizada pola Asociación de Librarías de Madrid xunto coa Asociación de Editores e a Asociación de Distribuidores.

"Se es unha lectora de pura cepa, analizar o tipo de libros que copan gran parte dos mostradores ten un aquel desacougante"

decoration

A edición de 2022 xira arredor do concepto de viaxe, probablemente por ese periplo obrigatorio e doloroso por mor da pandemia cos libros coma vehículo salvador, e o lema é “Hojea el mundo”. Foi bonito o reencontro co público e cos colegas escritores. Respirábase unha euforia que nos convidaba a brindar dentro e fóra das casetas. Os libreiros comentaban a alegría polas vendas e a xente paseaba orgullosa cargada coas súas compras. Mais non todo é purpurina. Se es unha lectora de pura cepa, analizar o tipo de libros que copan gran parte dos mostradores ten un aquel desacougante. Sen ánimo de entrar en catastrofismos e sendo consciente de que é positivo que haxa oferta para todo tipo de públicos, o espazo reservado para libros “á carta” e para aqueloutros asinados por persoas do mundo do entretemento é excesivo. Falta literatura e sobran produtos de márketing. En todo caso, o que non faltaron foron motivos para celebrar os libros. Vémonos nas feiras!

Compartir el artículo

stats