Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Os poetas no Vigo de antano

Era (lato sensu) na década dos 50 do século pasado. Eu saíra da Cervantes cun libro que me acompaña aínda. Crucei Policarpo Sanz e, facendo zigzag entre automóbeis, tranvías, bicicletas e, se cadra, algún dos carros de cabalos con corte en María Berdiales, din chegado ao Bar Cantábrico. Alí pedín un imperial e sentei por me mergullar no libro que comprara: F.F. del Riego, Escolma de Poesía Galega. Tomo IV. Os Contemporáneos, Galaxia, Vigo, 1955.

Tratábase dunha selección de poemas galegos do século XX que me fascinou. Daquela Vigo era, como o é aínda, capital galega da edición. Galaxia e Monterrey figuraban no curuto do ramallo; a primeira en Reconquista e, a segunda, na rúa de Pi y Margall cuxo nome o franquismo non conseguiu borrar dos beizos dos moradores. Ceferino de Blas sitúa en 1968 a vinda a Vigo de Florencio Delgado Gurriarán. Entrevistouno Bene no FARO, que aínda radicaba en Colón. O de Valdeorras foi cumprimentar Valentín Paz Andrade no seu despacho, situado a pucos metros do Cantábrico no que o autor desta columna entrara para gulapear unha cervexa e catar a tona do tomo IV da Escolma. O FARO tamén sacou un artigo en galego de Delgado Gurriarán sobre o labor dos exiliados en México.

Brais Pinto editaba en Madrid e facía imprimir, nas Gráficas Numen da rúa Velázquez Moreno, Bocarribeira de Otero Pedrayo e mais os tebregosos e radicais poemas dos meus compañeiros de xeración. Foi en 1961 que Del Riego fixo avinza con Celso Emilio Ferreiro e con Emilio Álvarez Blázquez para crear a colección poética Salnés, no mesmo domicilio de Galaxia pero con independencia desta editorial. Salnés mandou imprimir, en 1963 e nos Talleres Gráficos de Faro de Vigo, o segundo libro de Delgado Gurriarán, de título Galicia Infinda.

"Cunqueiro daba a luz nos xornais traducións ao galego de poetas contemporáneos do mundo enteiro"

decoration

Por entón, no Elixio, no Encantiño, no Derby, no Suevia, no Buraquiño das Travesas, había rumor de conversas que zunía tendo o feito poético no centro das lerias dos concorrentes. Les Lettres Françaises, órgano oficioso do PCF en materia literaria, corría con Bandarra do Porto, Ínsula de Madrid, ao tempo que Álvaro Cunqueiro daba a luz nos xornais traducións e traducións ao galego de poetas contemporáneos do mundo enteiro; e mesmo por arte de maxia.

En Vigo viviron as revistas poéticas Alba de Ramón González Alegre e Mensajes de Poesía de Eduardo Moreiras. Sombras nun espello roto son estas que atrás deixo relatadas. Estes días resucitaron coa concesión do Día das Letras Galegas a Florencio Delgado Gurriarán.

Compartir el artículo

stats