Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

Libros coma corazóns que latexan forte

Para as persoas que nos dedicamos á literatura, maio adoita ser un mes esperanzador. Celébrase o Día das Letras Galegas, hai moitos lanzamentos e as feiras do libro empezan a carburar. Coa Feira do Libro de Madrid no horizonte (inaugúrase o 26 de maio no seu emprazamento habitual: o Parque do Retiro) e as Feiras do Libro de Galicia xa en movemento (celebráronse xa as de Ferrol, Santiago de Compostela e Lugo, mais quedan outras 10 por diante), o encontro co público lector é inminente. Esta época sempre é especial. As casetas das librarías saen á rúa e as cidades, de súpeto, teñen un espazo aberto dedicado á literatura. As alamedas, as rúas centrais, os parques vístense de libros e nós acudimos a esa cita devecendo atopar lectoras e lectores de todas as idades cos que poder falar e compartir eses momentos polos que agardamos todo o ano. Mais resultou que o luns 16 de maio chegaba a nova de que Domingo Villar ingresaba no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo cun prognóstico grave e todo se toldou de gris. Estiven contendo o alento ata o 18, cando o fatal desenlace converteu este maio nun lugar estraño, difícil de habitar. Impresionoume ver todas as mostras de afecto e admiración que encheron as redes sociais, que demasiadas veces amosan unha cara hostil. Mais non desta volta: frases dos seus libros, fotografías do autor en actos literarios, lectores e lectoras abrazando en silencio a Domingo por derradeira vez. Eu hoxe quería falar de libros, mais tamén da amizade e da vida. Quería expresar a alegría que me produce o encontro co público, as ganas que teño de asinar exemplares, pasear as cidades, entregarme a esa parte tan fermosa do oficio de escribir. Mais a tristura pola despedida de Domingo Villar pesa un mundo. E sucede que a última vez que compartín espazo con el estaba tamén presente María Oruña, nunha conversa moderada pola xornalista Chus Gómez. Foi no festival Vilagarcía, Cidade de Libro. Falamos de novela negra, das portas inesperadas que ás veces nos abren os libros a quen os escribimos, de cine, de morte, de vida. Falamos ata que chegaron a noite e o frío e tivemos que procurar acubillo. María estaba en plena voráxine coa súa aclamada novela El bosque de los cuatro vientos, publicada en Destino, e falou con paixón da lenda dos aneis de Santo Estevo, protagonistas da trama. Lembro que Domingo, que estivo asinando ducias e ducias de exemplares do seu libro O último barco, escoitaba a María con verdadeira fascinación. Por unha desas carambolas curiosas que ten a vida, o mesmo día do falecemento de Domingo Villar, a nova novela de María Oruña El camino del fuego, chegaba ás librarías e eu non podía deixar de pensar nesta conexión.

A vida é unha marea que nos arrastra e hai tantas cousas que non dependen de nós que ás veces todo semella absurdo. O que si podo dicirlles é que a literatura nos dá a oportunidade de coñecer a seres humanos extraordinarios. E que as cousas bonitas hai que celebralas sempre. Porque quizais esa festa sexa a derradeira. O maior acto de amor que se lle pode dedicar a un escritor, a unha escritora, é ler os seus libros.

Compartir el artículo

stats