Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

CAMPO DE GRANADA

Manuel Bragado

Florencio no FARO

O 12 de xuño de 1939 levantou o áncora do porto de Pauillac-Burdeos o “Ipanema”, un dos tres barcos da liberdade fretados polo goberno mexicano de Lázaro Cárdenas, no que viaxaban 998 refuxiados sobreviventes da guerra contra a República española. Un daqueles mozos, náufragos da historia, que cando pasaron á altura de Fisterra crese que cantaron o himno galego e leron un agarimoso saúdo antifascista de esperanza escrito na lingua nosa, foi o avogado e poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, a quen hoxe se dedica o Día das Letras Galegas. Unha homenaxe a este poeta monolingüe, errático e circunstancial, comprometido e dionisíaco, militante do Partido Galeguista, co que tamén se recoñece a outros activistas galegos que reconstruíron a vida persoal e colectiva en México sen renunciar á defensa tanto da cultura e lingua propia como aqueloutra da patria que os abrazou.

Aquel mesmo Florencio regresará no verán de 1968 para despedirse dos seus maiores e explorar as posibilidades dun retorno definitivo que nunca se produciría. Florencio que visitará Vigo nuns días de agosto para atoparse con Paco del Riego, o seu referente no grupo Galaxia, e chorará emocionado identificando algo novo nunha daquelas misas en galego do padre Seixas. Aquel mesmo poeta que aparecerá até en dúas ocasións nas páxinas de FARO DE VIGO dirixido por Álvaro Cunqueiro. A primeira o domingo 25 de agosto, cando foi entrevistado por Bene na sección “Gallegos por el mundo”. Baixo o título, “Un poeta visita la tierra natal”, Florencio salienta o nivel cultural elevado do México onde vive, dá noticias da publicación dos seus libros Bebedeira (1934) e Poesía inglesa e francesa vertida ao galego, en colaboración con Plácido Castro, editada en Buenos Aires pola Federación de Sociedades Galegas, para rematar gabando o patriotismo do editor galego Alejandro Finisterre, un dos fundadores do Ateneo Galego de México, que dende editorial Menhir fai o que considera un labor marabilloso publicando a obra Compostela, anuario da emigración galega.

“En 1968, transforma un artigo en crónica comprometida do labor do exilio galego en México”

decoration

Días despois, o xoves 5 de setembro de 1968, a sinatura de Florencio Delgado Gurriarán aparece en FARO DE VIGO na páxina 13, na sección de Galicia, nun texto en galego, o que constituía entón unha rara avis, titulado “Labor dos galegos na Nova España”. Un texto literario que comeza coas súas primeiras impresións no regreso a súa terra, tras aquela fuxida abrupta cara Porto e Burdeos de 1936 para trasladarse á Barcelona leal e máis tarde en 1939 para viaxar no “Ipanema”, até o porto de Veracruz, iniciando o seu exilio de case cinco décadas, interrompido apenas por tres viaxes a Galicia. Escribe Florencio: “Vou paseniño, de vagar, cara ao Porto do Río, e van os meus ollos bébedos coa paisaxe da bocarribeira corgomesa, paisaxe chea de gracia [...] que entra en min por todos os sensos, pois é panorama, sinfonía, recendo e alamio...”. Un artigo que tras o devezo liminar Florencio transforma en crónica comprometida do labor do exilio galego en México, citando a publicación en 1942 da revista ‘Saudade’. Verba galega das Américas, na que participou xunto a Carlos Velo, “hoxe sonado director de cine”, Illa Couto e Cabanillas fillo, entre outros. Como a seguir dá conta da segunda etapa da mesma revista, á que lle deu pulo Roxelio Rodríguez de Bretaña.

Continúa Florencio no seu histórico artigo de FARO DE VIGO lembrando a importancia da creación en 1950 do Padroado da Cultura Galega en México, da publicación do libro “Presencia de Galicia en México”, que recolle os textos das conferencias radiadas polo Padroado no seu programa dominical Hora de Galicia. Non esquece salientar o valor da publicación en 1958 de ‘Vieiros’, revista que cualifica como “espléndida mostra en forma e contido da galeguidade”, da que foi codirector dos dous primeiros números, xunto a Carlos Velo e Luís Soto. Remata a súa substanciosa crónica, volvendo citar a Alexandre Finisterre, “home de rexo pulo e de forte sentimento galego” así como aos membros da Irmandade da Fala en Mexico, entre os que cita a Elixio Rodríguez, o aviador galeguista de Bande, autor do libro de memorias “Matádeo mañá” (Xerais 1994), activista en case todas as iniciativas deste comprometido exilio galeguista mexicano que Florencio Delgado Gurriarán recupera en pleno 68 para os lectores de FARO.

Unha primeira viaxe de regreso que, tras a visita aos galeguistas de Santiago e da Coruña e a gravación dun programa en Radio Nacional, rematará coa publicación o 15 de setembro de 1968 nas páxinas de “La Región” dos “Poemas da terra asolagada”, escritos no seu berce de Córgomo, nos que renova a mensaxe de esperanza que guindara ao mar dende a cuberta do Ipanema: “Galicia é unha dínamo, a espallar forza por vieiros de aramio; Galicia é unha matriz, a inzar o mundo de nobres proletarios”.

bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats