Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

A hora dos espías

Escribía a semana pasada con moita razón, e nestas mesmas páxinas, Matías Vallés que, ao paso que imos –neste país de países, comunidades revoltés, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos–, está a acontecer que “se non te espían, non es ninguén”. De aí que, moi conscientes, acaso, de que se tal cousa non lles acababa de pasar a eles mesmos, podían corrrer axiña o terrible perigo de deviren moi directos candidatos ao insondable/impenetrable baleiro cósmico-mediático, eis que Dna. Margarita Robles e mais D. Pedro Sánchez decidisen poñer de vez un anxo/espía, ou catro, de garda nas cabeceiras e pés dos seus respectivos dormitorios. En fin, fose iso mesmo ou non, algo moi parecido si que vén reverter, en todo caso, aquilo que semellan interpretar da súa parte non só os activistas da moi leal –é un dicir, claro– oposición sistémica senón aínda tamén os arreo confiables –é outro dicir, desde logo– aliados gubernamentais e,faltaría maís, esoutros impíos viaxantes comerciais, prestidixatores ad hoc das fantásticas repúblicas de Nunca Xamais. Aínda que xa postos, e todo hai que escribilo, ao mellor algo de razón aínda si que levan os tales. Ou non?

Mais sexa como fose a cousa, que estamos a revivir un tempo de espías..., iso é algo do que non cabe a menor incerteza. Como de retorno habitamos asemade na xeira da –malchamada; porque a cousa si que está que arde– “Guerra fría”. E tanto é así, daquela, que incluso as plataformas televisivas andan a resucitar a Hary Palmer. Xa saben Vdes: aquel, tan elegante como cínico-romántico –os espías guays amósanse así–, axente secreto británico que no seu día, anos sesenta do pasado século, interpretara para a gran pantalla o magnífico Michael Caine –“Ipcress”, “Funeral en Berlín”– e que agora pasea con desenvolvemento nesoutra, pequena, un solvente Joe Cole (“Peaky Blinders”). Harry Palmer, mais así mesmo na nómina do MI6, Greville Wynne/Benedict Cumberbatch, “O espía inglés”. En fin, de continuarmos na moda, nin tan sequera se descarta en absoluto que George Smiley –e toda a súa xente–, a súa némese, Karla –e todos os do seu bando–, os “Kingsman”, “Forza de Misións Imposibles”, “Uncle” e etc sexan chamados, desde os seus respectivos retiros, cara á acción anti/pro putinesca. Así as cousas, que podemos facer da nosa parte e por aquí? Anacleto, Mortadelo e Filemón, a Tia e mais o súperintendente Vicente: velaí os poderes patrios/matrios cos que contamos.

“Eu espío, ti espías, el espía...; outra cousa. Iso si, é que o oficiante sexa collido nas patacas”

decoration

“Eu espío, ti espías, el espía...”. Arriba e abaixo, dentro e fóra: para iso, xustamente e nin máis nin menos, ten ao seu servizo o goberno da Súa (Grazosa) Maxestade, respectivamente, o MI5 e o MI6, e é que para nada pode resultar motivo de abraio e sorpresa que os poderes públicos –e aínda algún privado– veñan contar no seu haber con axencias de intelixencia, sistemas de información... cuxo obxectivo estea en fornecerlles datos fiables respecto das ameazas, conspiracións, desafíos... que outras potestades, alleas pero asemade propias, poidan andar artellando. Fornecer datos, entón, mais tamén, e chegado o caso, evitar, xa polas boas ou xa polas bravas (máis ben por estas últimas) que a retesía se poida transformar nun auténtico risco para o sistema establecido. Outra cousa, iso tamén, é que, no transcorrer de tal labor, os oficiantes do mesmo veñan ser collidos nas patacas ou, como lles presta declarar polos Madriles adiante, ao pé “del carrito de los helados”. E niso tal parece que si estamos agora.

“Pero... é para que espiar a Sánchez?”, retrucará algún/algunha descreído/a. A ver;tendo en conta o momento tan singular no que andamos, coido que cabe considerar seriamente a posibilidade de que o noso inefable presidente do Goberno, canso de tanta liorta e incomprensión, puidese decirse a aceptar a oferta de –retirado xa do papel Daniel Craig– converterse de veras no próximo 007: isto é, todo un éxito para el pero todo un problema para España (onde dar cunha percha como a súa?). Poden imaxinalo Vdes. miñas e meus: quero dicir, o moi ben que se lle daría a D. Pedro aquilo de “my name is Bond, James Bond”? Margarita Robles as Miss Moneypenny? Pois non sei que lles diga.

Compartir el artículo

stats