Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Historia dunha anacronía

Marguerite-Marie Alacoque (1647-1690) foi unha monxiña visitandina que gozou de aparicións de Cristo en diversas oportunidades. Entregue a xexúns, autoflaxelacións e oración contemplativa, aseguraba que Xesús lle abrira o seu peito por lle amosar a ela o “Corazón que tanto amou os homes...” . A finais do século XVII foi cando se expandeu en Francia o culto ao Sagrado Corazón promovido pola freira. Pero foi o XIX o momento do estourido desta devoción na Europa católica. Pío IX, ensombrecido polo laicismo ascendente e, sobre todo, pola perda dos Estados Pontificios, elevou Alacoque aos altares ao tempo que facía conde de Pardo Bazán ao pai de doña Emilia. De xeito que a devoción ao Sagrado Corazón foi por todas partes emblema das posicións antiliberais e antidemocráticas que se coñeceron como neocatolicismo. Estas deixaron testemuñas visuais tan famosas coma o Sacre Coeur de Montmartre. Máis tarde, o nacionalcatolicismo franquista situou o Sagrado Corazón coma centro plástico emocional do sistema. “Corazón Santo, tú reinarás, / tú nuestro encanto siempre serás”, era himno que lle entrou polos ouvidos á miña xeración para ficar alí pola vida, un zunido de bareixa. Os centros oficiais e moitas casas particulares estaban presididos pola imaxe entronizada do Sagrado Corazón. Maiestático coma o Pantocrátor era este Sagrado Corazón sedente que evocaba un soño revanchista: “Cristo reina, Cristo impera;/ Cristo reinará./ Flota al viento la bandera / y en sus pliegues la victoria va”. Inculcábanlles aos nenos a xaculatoria que proclama: “Sagrado corazón de Jesús, en vos confío”. Inaugurouse, e o bispo da diócese benceu, sobre a Guía de Vigo, un monumento a aquilo que foi símbolo da negación dos Dereitos Humanos tal e como deixou explicado Manuel Bragado de mellor xeito ca min. As primeiras autoridades locais e provinciais parecían presenzas subrepticias na fotografía.

Compartir el artículo

stats