Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

X. L. Axeitos

X. L. Axeitos

Numerario da Real Academia Galega

Praias do exilio: o recibimento en Francia, unha ferida que nunca cicatrizou

Eran, as aproximadamente 500.000 persoas que se dispoñen a cruzar a fronteira en febreiro de 1939, soldados republicanos, obreiros, patriotas cataláns, mulleres e nenos que, derrotados, escapaban do terror franquista para ser acollidos, pensaban eles, nun país de liberdade, nunha república irmá. E foron recibidos e tratados como presuntos delincuentes (“presumés malfaiteurs”), tal como relata Pierre Vilar. Foron desarmados os soldados con xestos de menosprezo, cacheados e controlados por soldados coloniais que non facían máis que repetir como unha letanía incesante “allez, allez, vite, vite!” (‘vamos, vamos, rápido, rápido!’), que quedou grabada para sempre na memoria colectiva. Non se fixo nada para reagrupar as familias e fomentouse e forzouse desde o primeiro momento a repatriación, unhas 250.000 persoas en agosto de 1939, malia o risco que corrían as vidas de moitas delas.

Desde a fronteira serán conducidos a unha prisión sen muros de pedra, inmensas praias, como Saint-Cyprien (seis kilómetros) e Argelès-sur-Mer (algo máis de dous kilómetros) que convertidas en cidades sen rúas, nin casas, nin hospitais, nin escolas acollen a case dous centos mil prisioneiros!. Pasado o caos inicial nos campos non cesa a disciplina militar, paso e repaso de listas, traslado de sospeitosos, censura de cartas, prohibición de manifestacións e protestas.

"Foron desarmados os soldados con xestos de menosprezo, cacheados e controlados por soldados coloniais que non facían máis que repetir como unha letanía incesante “‘vamos, vamos, rápido, rápido!", que quedou grabada para sempre na memoria colectiva"

decoration

A escritura memorialística –en forma de novela, contos, poemarios, autobiografías, epistolarios, obras de teatro, debuxos etc– que provocou o tema dos campos de concentración en Francia non fai máis que subliñar a urxencia e mesmo a necesidade de testemuñar feitos tan traumáticos como os que lles tocou padecer aos exiliados. Coidaron que entraban en Francia como refuxiados políticos e foron maltratados como prisioneiros, internados en campos de concentración onde morreron miles de persoas abatidas pola fame, por unhas condicións hixiénicas deplorables e polas inclemencias dun inverno especialmente duro, á intemperie. Nun primeiro momento este recibimento será criticado unanimenmente polos medios de comunicación a pesar do medo ás “hordas roxas”. Pasado este momento inicial o “discurso de recepción” co que foron recibidos na prensa os vencidos non é moi diferente do que actualmente se lle dispensa aos inmigrantes que chegan ao sur de Europa: solidariedade por parte da esquerda, onde os xornais L’Humanite, Le Populaire e Ce soir denunciaban a existencia de “campos de concentración”, ambigüidade e hipocresía por parte da dereira e clara hostilidade xenófoba pola ultradereita. A creación destes campos remóntase ao goberno republicano de Daladier en 1938. Esta iniciativa previsora da derrota republicana en España será herdada polo goberno pro-alemán de Vichy transformando o carácter e o fin dos campos de concentración: destinados inicialmente a comunistas, republicanos españois e social-demócratas alemáns, serán convertidos a partir de 1940 en campos de xudeus seguindo unha liña ideolóxica sostida pola xenofobia e pola discriminación.

As razóns polas que se silenciaron estes tristísimos episodios no seu momento son máis comprensibles que o carácter críptico co que se tratan na actualidade. Entre as causas desta situación probablemente teña algo que ver o título que desde 1789 ostenta Francia de “patria do home”por mor da declaración no seu territorio dos dereiros humanos. Cando estes se proclamaron, apunta Hanna Arendt, a maior revolución era que a partir deste momento a orixe e razón da lei residía no home e non nos mandamentos de deus. Pero ao ser declarados como “inalienables” non se invocou autoridade concreta que os garantizase contra das arbitrariedades do poder. Como consecuencia foi inevitable que dereitos humanos e cuestión nacional se presentasen unidos na súa defensa e os apátridas e as minorías estaban convencidos de que a perda dos dereitos nacionais significaba a perda dos dereitos humanos, que os republicanos querían procurar nunha república irmá.

O pobo francés e as súas autoridades non quixeron comprender este cambio de paradigma. E nada pode menoscabar máis a súa imaxe de “patria do home” que as humillacións que tiveron que soportar os cerca de medio millón de republicanos derrotados –soldados, ancianos, mulleres e nenos– que pasan a fronteira a través dos municipios de Cerbère, Le Perthus, Prats de Mollo e Bourg Madame desde os últimos días do mes de xaneiro de 1939. Foron conducidos, xa vencidos, a un inferno de vento e area. Unha cicatriz imborrable.

*Académico numerario

Compartir el artículo

stats