Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O IEO, ferramenta fundamental para a pesca galega

Galicia é a comunidade que lidera en España o sector pesqueiro e da acuicultura. O noso país concentra a metade da frota pesqueira do Estado e unha parte fundamental da acuicultura. Os nosos portos son base de barcos que lideran tanto as capturas de peixe e marisco fresco como a meirande parte do conxelado que se consume en España. A tradición pesqueira galega e o sector industrial que leva aparellado converten a Galicia na potencia do mar a nivel estatal e unha das principais rexións pesqueiras europeas.

Como todo sector económico, a pesca precisa dunha infraestrutura científica e técnica de apoio que lle permita innovar e seguir mellorando os procesos. Tamén niso Galicia é punteira. Á presenza en Vigo e A Coruña de dúas sedes do Instituto Español de Oceanografía (IEO) súmaselle, especialmente no caso vigués, a maior concentración de investigadores (Campus do Mar, IIM-CSIC, CETMAR, a Cooperativa de Armadores e outros centros de investigación como a propia Anfaco-Cecopesca) en temas relacionados coa pesca e coas ciencias do mar.

Cando o pasado 14 de abril se deu a coñecer o plan de descentralización do IEO impulsado polo Ministerio de Ciencia que propoñía que a sede central se mantivese en Madrid e dous dos seus centros de referencia, os de Pesquerías e Acuicultura, pasaran a ubicarse en Cantabria e Murcia, o sector pesqueiro galego fíxose a seguinte interrogante: como é posible que a zona con maior frota e capturas non sexa sede principal do IEO?

Galicia non só quedaría sen ela, senón que tampouco sería sede das dúas divisións máis importantes, cando o IEO xa conta en Vigo co maior dos oito centros repartidos por todo o litoral español e no seu porto teñen base os dous principais buques oceanográficos, o Ángeles Alvariño e o Ramón Margalef. Unha decisión pouco razoable que é preciso avaliar.

Os socialistas de Galicia consideramos que o ministerio debe realizar unha reflexión máis profunda e nos consta que xa se está a facer. A filosofía da descentralización ten un obxectivo claro: achegar a xestión aos administrados. Se máis do 50% da frota española se atopa en Galicia, o plan proposto parece que non se adecua a ese fin. É urxente que o ministerio revise a súa proposta sobre a base da realidade xeográfica e socioeconómica do sector. Só contando coa opinión de todos os actores e os criterios de eficiencia dos servizos públicos poderemos cumprir o obxectivo dunha máis que necesaria aposta pola descentralización de organismos que, como o IEO, son estratéxicos para a pesca galega. Nesa posición, o sector e a cidade de Vigo saben que poden contar co PSdeG como garante dos seus lexítimos e razoables argumentos.

*Secretario xeral do PSdeG-PSOE

Compartir el artículo

stats