Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xoán Manuel Estévez Freijeiro

Cincuenta anos de Fuxan os Ventos

No ano 1972 coincidiron varios cantores no coro do Colexio Menor Santísimo Sacramento de Lugo. Aquel feliz encontro deu lugar á creación do grupo Folk 72, que posteriormente participaría no III Festival das San Lucas de Mondoñedo, resultando gañador cunha canción titulada Fuxan os Ventos, da autoría de J. Cabodevila. Sóalles este nome colectivo? Sí, estamos a tratar dun grupo de referencia na nosa música cantada. Desde aquel mesmo ano a entón nacente formación pasaría a identificarse co título da canción gañadora: Fuxan os Ventos. Como tal, gañou outro primeiro premio no III Festival Ría de Ares, en Pontedeume –1973–.

A existencia da música folk como estilo definido era unha realidade universalmente asumida entre a afección. En Galicia, xa desde a súa primeira gravación –de título homónimo ao do grupo–, Fuxan... decantouse pola nosa cultura. Corría o ano 1976 e a nosa realidade sociolingüística distaba moito de estar normalizada, e tal situación estaba reflectida na contra-capa do disco, con nomes da toponimia galega debidamente galeguizada en contra da normativa oficial, que non permitía rotular os nosos concellos e parroquias cos seus lexítimos nomes orixinarios. Toda unha actitude que foi parella ao rol social que o grupo tivo a ben manter ao longo da súa traxectoria artística: Nas eleccións galegas de 1981 participou en varias festas -mitin de Esquerda Galega. Na nosa cidade, en 1979 cantou no Pavillón das Travesas en solidariedade cos traballadores de Vidrios de la Florida; en 1985 en Castrelos participou no Festival Galiza a José Afonso; en 1993 en Láncara co gallo dunha festa reivindicativa, neste caso para ben, pois festexaban a abolición da cota empresarial agraria. Polo demais, todos os recunchos do país recibiron a mensaxe cantada de Fuxan os Ventos, fose ante unhas vinte mil persoas ou en calquera teleclube ante quince asistentes. E a maiores, con frecuentes saídas fóra de Galicia.

E por suposto os discos, que se sucedían en éxito continuado: O téqueletéquele –1977–, Sementeira –1978–, Sempre e máis despois –1999–… son tan só algúns dos seus títulos. Polo medio, tanta bonanza vese interrompida cando en 1983 abandonaron o grupo os seus integrantes Mino e Mero –que despois pasarían a formar A Quenlla–, ao tempo que se incorporaría un trío de música tradicional, co que supón un cambio notable na proposta artística que Fuxan … acometería desde entón. Unha excelente mostra da pervivencia do grupo foi o espectáculo Terra de soños , desenvolto no Auditorio de Galicia de Compostela en octubro de 2008 , para o que contaron coa colaboración dunha morea de colegas, que fixeron seus algúns temas do seu repertorio, no que caben amais de cancións tradicionais, mensaxes destinadas aos máis cativos, á emigración, á defensa do medio ambiente, aos labregos, aos mariñeiros, ás mulleres, á esperanza… . Con toda esta bagaxe, Fuxan os Ventos deu mostras de coherencia tanto enriba como debaixo dos escenarios.

Toda esta traxectoria non se podería entender sen a laboura realizada no Lugo de hai cincuenta anos polo crego Xesús Mato, que non só foi autor do tema que deu nome ao grupo –inda que identificado como J. Cabodevila–, senón porque foi un home decisivo na súa creación, primeiro como director do coro feminino Santísimo Sacramento, así como artífice na creación do espectáculo de nadal Galicia canta ó neno, no que participaron algúns dos integrantes que despois formarían parte de Fuxan os Ventos.

*Funcionario Público Xubilado. Membro da Asociación Cultural Pertenza

Compartir el artículo

stats