Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Singularidade do 25 de abril

O pasado 25 de abril, conmemorouse a caída do fascismo en Portugal o ano 1974. Daquela, o nacionalismo galego achábase en proceso de crecemento clandestino e moi conectado co Partido Comunista Portugués. Aquel Putsch que acababa limpamente co salazarismo dunha soa pancada e que se chamaba apenas Movimento das Forças Armadas estaba integrado por oficiais de todas as armas. Daba a impresión de que os soldados se limitaban a executar as ordes. Tal salazarismo era un réxime de partido único ao servizo do capital financeiro compactado cos intereses latifundistas. A forma republicana do Estado distinguía este sistema portugués do franquista.

"Nacionalizáronse a banca, os monopolios, os seguros. As cooperativas agrarias fixéronse donas das terras do sul"

decoration

Alén disto ambos aparecían dotados de xefes que exercían un poder absoluto que conculcaba os Dereitos Humanos: Franco en Madrid e Oliveira Salazar en Lisboa. Entre eles dous abríase unha fenda. Se o primeiro, militar, asentaba o seu mando no exército vencedor da guerra civil, o segundo, catedrático de universidade, dominaba até o derradeiro curruncho da patria portuguesa mediante un corpo de policía civil e política cuxas siglas eran PIDE.

Alén diso, Portugal posuía o terceiro imperio colonial do mundo. Pronto o MFA deu mostras de actividade. Disolveu a PIDE e depurou o Estado. Incorporáronse ao goberno os militares que, na liña de Humberto Delgado, resistiran o salazarismo. Co gabinete do xeneral Vasco Gonçalves produciuse a nacionalización da banca, dos monopolios, dos seguros. As cooperativas agrarias fixéronse donas das terras do Sul. Portugal estivo a un paso de se converter nun estado socialista situado no extremo occidental de Europa e, mesmamente, dentro da OTAN.

"O PS (de Mario Soares) e máis o PSD encargáronse, con axentes individuais no MFA, do traballo de frear en Portugal o paso pacífico ao socialismo"

decoration

A influencia do PCP sobre os acontecementos desta etapa foi decisiva e singular. Ao revés ca Berlinguer e Santiago Carrillo, nin Álvaro Cunhal nin o seu PCP eran eurocomunistas. Polo tanto movéronse os fíos da contrarrevolución e Portugal terminou por entrar no sistema dito occidental e por interromper a súa marcha avante. O PS (de Mario Soares) e máis o PSD encargáronse, con axentes individuais no MFA, do traballo de frear en Portugal o paso pacífico ao socialismo. E neste punto nos encontramos agora. Por iso eu lembro con agarimo os anos vigueses en que Óscar Lopes subía desde o Porto para falarnos sobre literatura e sociedade e o inesquecíbel doutor Calvet de Magalhães exercía a presidencia do Centro Portugués na rúa do Príncipe.

Compartir el artículo

stats