Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Primeiro de Maio e democracia

Amelia Pérez, ayer tras su proclamación Xoán Álvarez

En abril cumpríronse 45 anos da legalización dos sindicatos de clase en España, aínda que a vida de CC OO e outras organizacións é moi anterior. Fomos claves para a chegada da liberdade ao país, para o tránsito da ditadura á democracia. Tal é a importancia, que a liberdade sindical forma parte do Título I da Constitución, o que recolle o conxunto de dereitos fundamentais e de liberdades públicas.

A democracia, igual que chega, pode deteriorarse e corremos o risco de perdela. Temos exemplos a eito por todo o mundo, de América Latina a Europa, tamén no Estado español. Non vale a equidistancia; non podemos banalizar nin normalizar a extrema dereita. Baixo ningún concepto, nin sequera argüíndo a gobernabilidade. A democracia non só se estraga polo auxe do populismo neofascista; tamén o fai se os partidos democráticos desvían o foco das cuestións principais, nomeadamente o benestar social, que é tanto como dicir a calidade de vida da xente dun país.

Primeiro a pandemia, agora a crise inflacionista e a guerra, ameazan boa parte da poboación. Urxe adoptar solucións reais para evitar que os problemas se enquisten e agraven.

A crise da COVID demostrou que é posible xestionar unha situación dramática sen destruír emprego ou precarizar as condicións laborais. É posible facer as cousas dun xeito distinto, solidaria e corresponsablemente.

Parte do empresariado non aprendeu esa lección e teima en repercutir o custo desta nova crise na clase traballadora. Os prezos soben arreo e cada vez máis familias teñen dificultades para chegaren a fin de mes, pero as patronais néganse a negociar aumentos de salarios. Din que “non toca”. Para algúns parece que nunca toca asumir a cota de responsabilidade que lles corresponde cando veñen mal dadas, pero son os primeiros en esixir que o Estado –que tamén somos cada un de nós– detraia orzamento público para mitigar os efectos nas empresas privadas.

Fronte ao “non toca”, CC OO sairá o 1º de Maio ás rúas para defender solucións. A situación actual impón subir os salarios. É unha necesidade, pero tamén unha responsabilidade, por iso sentamos no ámbito do diálogo social para abordar o que propuña o Goberno central, un pacto de rendas. Un acordo colectivo para dirimir como imos asumir en conxunto –non só a clase obreira– o custo desta crise.

Esiximos, tamén, que os poderes públicos interveñan para conter os prezos e evitar a variante inflacionista desta crise, poñendo couto especialmente á especulación. E reclamamos, outrosí, máis igualdade –a través dos plans de igualdade e a nova lexislación na materia–, porque iso significa máis xustiza social.

*Secretaria xeral do S. N. de CC OO de Galicia

Compartir el artículo

stats