Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mellores salarios, máis igualdade

José Antonio Gómez Gómez, secretario xeral de UGT-Galicia XOAN ALVAREZ

Como todos os anos, este 1º de Maio chamamos á cidadanía a mobilizarse para reivindicar melloras nas condicións laborais e de vida e para loitar pola consolidación dos dereitos acadados.

Este ano a celebración enmárcase de novo nunha conxuntura complexa. Xa no 2020 e 2021 esta data estivo marcada pola pandemia e no 2022, ademais da pandemia, o contexto mundial está definido pola cruenta guerra que se está a librar en Ucraína a causa da mesquindade dun líder ruso que non ten medida nas súas actuacións.

Aínda así, nesta conxuntura, que está a determinar a nosa economía e o mercado laboral dun xeito negativo, dende UGT queremos aproveitar esta data para fortalecer o mundo sindical destacando os logros conseguidos nestes dous últimos anos, froito da concertación, que fixeron que o camiño que nos tocou emprender fose, cando menos, un pouco máis livián. Falo dos acordos de pensións, SMI, teletraballo, ERTE ou a reforma laboral. Acordos que toca fortalecer este 1º de Maio saíndo ás rúas, dándolles valor e estando vixiantes co seu cumprimento porque todos eles nos fortalecen como país e camiñan cara unha sociedade máis xusta e igualitaria.

A outra cara da moeda, son as frontes abertas. Cun IPC preto do 10% é evidente o empobrecemento das familias e as súas dificultades para chegar a fin de mes, especialmente para as 500.000 persoas que en Galicia, ben por estar en desemprego, cobrar menos de 1.000 euros ou percibir pensións non contributivas ou con complementos a mínimos, están nunha situación vulnerable e para as que urxen medidas de soporte. Tanto a Xunta como o Goberno central teñen unha débeda pendente por saldar con todas estas persoas e as súas familias.

Obviar que sen consumo interno non vai haber recuperación sería moi necio. E este 1º de Maio hai que saír ás rúas para deixar claro á CEOE que, se non hai un AENC que garanta as cláusulas de revisión salarial que aseguren o poder de compra dos traballadores, a conflitividade vai estar servida. Non pode ser que, como xa sucedeu na crise de 2008, volvan a ser as persoas traballadoras as pagáns desta nova crise.

As razóns para saír ás rúas este 1º de Maio sobran. Os traballadores e traballadoras temos que estar vixiantes co cumprimento do conseguido pero seguir incidindo nas novas reivindicacións, salarios, contención de prezos, máis igualdade, un SMI que acade o 60% do salario medio, preservar a seguridade e saúde no traballo, as 32 horas semanais e abrir unha liña de traballo para reformar o Estatuto dos Traballadores co fin de conseguir un texto acorde co s. XXI.

*Secretario xeral de UGT-Galicia

Compartir el artículo

stats