Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A cidade agochada de 1972

Hai un tempo, Luis García Montero escribiu un artigo titulado “En busca de las ciudades perdidas”, onde comentaba que tardara anos en mesturar as cousas e descubrir que baixo as rúas da súa cidade esperaban escondidas outras cidades onde viviran persoas importantes como García Lorca.

Descoñezo se o gran poeta e dramaturgo estivo na nosa cidade, pero si sei que baixo estas rúas agardan escondidas moitas cidades con homes e mulleres que, pola súa loita, valentía, coraxe e ética non deben ficar no esquecemento.

Unha desas cidades escondidas e todos os anos lembrada é a do 28 de marzo de 1809: alí, un alzamento popular logrou desterrar os franceses e converteu a Vigo na primeira localidade de Europa que deu expulsado o Exército de Napoleón dunha praza conquistada.

Cento sesenta e tres anos despois xorde unha nova cidade. Tamén nesta hai que combater un inimigo, e non é francés, é nativo, pero si chegan ata alí as novas de que se lle fixo fronte; de que se arrincou dos corpos o medo que o aparato producía e que ía pegándose ao corpo coma o chapapote do ‘Prestige’ fixo co noso mar. Ese ano é o 1972, ano decisivo na loita polos dereitos e as liberdades, no que a cidade de Vigo foi un referente non só en España, tamén fóra.

Por esta cidade agochada de 1972, baixo as rúas viguesas non puido estar García Lorca porque os antiheroes da nosa historia o fusilaran no mes de agosto de 1936; pero si a encheron homes e mulleres que loitaron contra ese mesmo inimigo. Durante a folga de setembro, 15 000 persoas manifestáronse contra a ditadura. Alí estiveron Margarita Rodríguez, Waldino Varela, Pilar Pérez, Eduardo Fernández, Juan Benavides, Higinio Leiros, Carlos Núñez, Carmen Segurana, Xosé e Antonio Cameselle, Manuel Rodríguez, Elvira Landín, José Iglesias, Olga Zurrón, Salvador Pérez, Jaime Pereira, Julio López, Severino Doce, José Lamigueiro, Fernándo M. Randulfe, Antonio Figueroa, Francisco Lores, Angel González, Enrique Figueroa, Arturo Cameselle, Paulino González, Isidro Rodríguez, Eulogio González, Antonio Sangabriel, Maximino Bouzón, Pilar Martínez, Augusto Docampo, Alejandro Balado, Albino “Santos”, Moncho “Español”, Javier Alonso, Juan Abalo, Isidro Rodríguez, Angel Hernández, Antero Presas, Enrique “Checho”, Segundo Freire, Xesús Simón “Xanote”, Dolores Area Riobó, Belarmino González, Angel López Salgado, Celso Alonso Davila, Leonardo Davila, Dolores Area Riobó, Belarmino González, Benito Santos e moitos e moitas máis.

Tamén estiveron a agasallada e o agasallado co Premio 1.º de Maio ao Compromiso e á Solidariedade deste ano: Marta González Rodríguez, traballadora de Álvarez, e o PCE, que participou nas figuras de moitas persoas que naquela altura puxeron en risco o seu traballo, a súa familia e a súa vida.

Sempre é importante que entremos nas cidades agochadas, nese Vigo agochado do 72, porque non hai que esquecer o pasado; non para vivir da nostalxia, senón para recuperar memoria e construír futuro. Pensemos que entre a memoria e o esquecemento, está en xogo o futuro.

Por iso, como proposta de futuro, tamén lles propoño crear unha nova cidade, pendente de agochar, este primeiro de maio, onde esteamos todos e todas celebrando na rúa o Día Internacional dos Traballadores e das Traballadoras.

*Secretaria xeral da unión vomarcal de CC OO en Vigo

Compartir el artículo

stats