O último caso coñecido polo de agora neste país noso de rinconetes e cortadillos, pícaros, avaros, cegos de zanfonas e lazarillos que salpica directamente á Federación de Fútbol co tema da Supercopa de Arabia Saudí, xunto cos pelotazos das mascarillas na Comunidade de Madrid, no que presuntamente aparece o irmán da Sra. Presidenta, e logo o do Ayuntamiento de Madrid, do Sr. Martínez Almeida, con tres ou catro listillos facendo negocios coa necesidade e a urxencia, a enfermidade máis cruel en plena pandemia e a morte de tantos, pon sobre o tapete, unha vez máis, como as leis camiñan por un lado e a sociedade vai polo outro. Uns aplaudían aos sanitarios cada tarde e outros aplaudíanse enchendo as súas contas correntes.
Sen dúbida, todo vai resultar legal ao final, pero absolutamente inmoral e, sobre todo, indecente, dígao quen o diga. Porque indecente é facer negocio e enriquecerse a costa da boa fe, o descoñecemento ou a necesidade dos demais e calquera persoa cun mínimo de sensibilidade, de sentido da xustiza social ou sentido común pensará coma min, aínda que despois os xuíces exculpen e liberen de responsabilidades penais, xa non falo das políticas, porque teño claro que a madeira da que están feitos moitos dos nosos representantes políticos é algo inexplicable. Aquí ninguén xamais é responsable de nada, e ninguén dimite xamais por nada. O da consciencia quedou para os famosos exercicios espirituais de preparación da coaresma na miña nenez.
Dende que teño uso de razón e recordo, convivimos coa corrupción, coas estafas, cos enganos financeiros, políticos e empresariais máis abraiantes que poidamos imaxinar, porque, como di un benquerido colega de farras, “a realidade supera sempre a ficción”.
Casos como os de o aceite asasino da colza, Fidecaya, Kio, a expropiación do hólding de empresas de Ruiz Mateos, Rumasa, Filesa, o recordado hai uns días do que fora director da Garda Civil, o Caso Roldán, as estafas máis que famosas e millonarias con banqueiros de por medio, con plans de pensións, bonus e salarios de escándalo que, por suposto, xamais devolveron: Ibercorp, Bankia, Afinsa e Forum Filatélico, Gescartera, e tantos outros, sen esquecer o asombroso rescate bancario do Sr. Rajoy para sanear o sistema financeiro do país, iso si, con cartos de todos nós, dos que aínda non devolveron un can ás arcas do Estado.
E agora, xa máis recentemente, os do PP e o PSOE, e mesmo sindicatos no que foi o caso das vivendas sociais de PSV, que tanto monta, monta tanto, como foron os dos PER de Andalucía e os casos relacionados coa caixa B do Partido Popular, coa famosa Gurtel, Kitchen e algún máis que me deixo no tinteiro, seguro. E, xa no cumio, citarei de pasada o tema do Emérito, as súas regularizacións fiscais, o tema Corina e os paraísos dos que non escoitaron falar.
En fin, amigos, para non cansar nin marear máis a perdiz, hei recoñecer que son máis que pesimista, porque estou convencido de que nada vai cambiar, e hai unha lei para uns e outra moi diferente para os outros, señores de puro, chisteira e despacho de moqueta e caoba, sen dúbida, indecentes legais.