Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Máscaras fóra

Prometérame a min mesmo non volver escribir ningunha cousa arredor do COVID-19. Mais velaí que algúns de entre Vdes., sempre moi amables lectores destas crónicas, e aínda tamén outra xente do meu entorno afectivo me foi inquerir nestes pasados días: “E Vde./ti que opina(s), entón, verbo das novas medidas adoptadas polo Goberno e, especialmente, no tocante ao uso/desuso das máscaras en espazos interiores? É que non pensa(s) subliñar nada de nada?” Reitero cal viña ser, en efecto, a miña intención. Porén, si que considero que lles debo aos lectores e amigos algunha clase de resposta/reflexión. Xa que logo, imos aló.

A ver; se hai algo no que veñen coincidir “optimistas” e “fatalistas” –por rotularmos as diversas posturas, sobre todo aquelas máis extremas– no medio da evidente disparidade de criterios, iso é que, nun prazo curto/medio, de ningunha maneira imos arribar a un contexto estable de COVID 0. Traducido: se a clave para retirar as variadas restriccións e, desde logo, o emprego das máscaras, consiste en agardarmos a que se produza semellante conxuntura, o certo é que podemos esperar ad kalendas grecas; o virus non ten traza de desaparecer polas boas. “Xa, pero... e non sería mellor demorar un pouco máis? É que aínda hai moitos contaxios, ingresados nos hospitais, mortes...” -retrucarán, sen dúbida, uns cantos/bastantes. E de acordo; esa devén, en efecto, a situación na que habitamos. Agora ben; acontece que deixemos a cousa, daquela, para dentro dun, de dous, de tres meses..., o certo é que, tan logo como as tales medidas esvaezan, o resultado será que o número de contaxiados e demais vaia aumentar sen remedio –polo menos, de entrada– si ou tamén.Traducido outra volta: ou ben nos decidimos de vez por aquela versión do COVID 0 –modelo chinés– e con todas as consecuencias que tal proceder causa ou, sexa máis cedo ou máis tarde, optamos claramente por unha estratexia alternativa. É dicir, por un modelo “liberal”, “occidental”..., por lle chamarmos dalgún xeito, e que determina, iso si, aceptarmos, queiras non queiras, uns determinados custos. O resto, e mal que nos pese, non vai máis alá de resultar, ao cabo, puros e simples “panos quentes”.

"A desconfianza pola desconfianza non constitúe en ningún caso un sinal de intelixentes nin tan sequera de prudencia"

decoration

Coido ben que ninguén dubidará dos saberes e mais da sensatez de Dna. Margarita del Val. Pois ben, a ilustre investigadora xa expresou –para quen teña ollos e oídos– aquilo que non se atreven a declarar os políticos e etc: a pandemia só declinará cando o virus teña afectado a todos aqueles que sexan/sexamos susceptibles de padecer a infección; nun andazo, non obstante e felizmente, que si somos/seremos quen de combater ben fornecidos polas vacinas e mais os antivirais. En consecuencia, podemos manter máscaras e restriccións e dilatarmos no tempo a evidencia ou ben, ao amparo dos referidos recursos, dar un paso adiante sen redundar na traxedia e na apocalypse now. Traducido por terceira vez: cada ponte vacacional, ao saírmos á estrada, somos conscientes de que un certo número de nós non retornará xamais ás súas (nosas) casas. Porén, non por iso xorden voces a avogar por que nos deixemos de mover nin tampouco en favor de que circulemos a unha velocidade máxima de 40 quilómetros por hora en autovías e autoestradas. E está moi ben claro é, deseñarmos máis e mellores prudencias; pero o risco 0... iso si que non existe.

Utilizar o “sentidiño”. A fórmula funciona politicamente; sobre todo dirixida a un sector da poboación que considera moi en serio aquilo de “desconfiarás e acertarás”. Secasí, trátase dun adaxio estéril: porque acontece que o descreto polo descreto non constitúe para nada un sinal de intelixentes (nin tan sequera de prudencia ) senón máis ben de incapacidade por tomar decisións propias para alén das ideas inducidas. Así pois, máscaras si ou máscaras non? Cidadáns e cidadás adultos, penso que xa é boa hora de que actuemos de veras como tales; isto é, levarmos a cabo as medidas que xulguemos oportunas en cada situación concreta –nin todas requiren da mesma medicina– e deixarmos que os demais, donos e donas dos seus destinos, poidan así mesmo decidir as súas.

Que cometemos un erro? Que, nun momento dado, comprobamos que cómpre retrocedermos no camiño? Meus e miñas, a historia sempre acaba por avanzar cara adiante, pero nunca se escribiu –nin se escribirá– con liñas rectas. E si: fóra de nós xa esoutras máscaras –non por invisibles menos certas– do medo paralizante; quero dicir esas mesmas a nos impediren afronta de vez a verdadeira realidade que nos circunda, gañarmos o futuro.

Compartir el artículo

stats