Contan os que saben disto moito máis ca min que a capacidade xenética do ser humano para adaptarse é fundamental para a supervivencia da raza contra fenómenos naturais, cataclismos e outros desastres creados pola súa propia estupidez e necidade ou sobrevidos inesperadamente por factores alleos á súa capacidade de control. Eu créoo e en tal seguridade vivo o meu día a día, aínda que cada vez máis mosca co que sucede ao noso arredor: terrorismo islamita, guerras inútiles e inverosímiles, escapes nucleares, contaminación e quentamento global, pandemias, etc.

Esquecemos para poder continuar recordando, porque o noso cerebro é limitado e, polo tanto, a súa capacidade de almacenaxe de datos, información, experiencia ou vivencias e recordos, tamén. Somos como esa intelixencia artificial dun ordenador de non sei cantos terabytes. Aceptando tales feitos como principios básicos, temos que admitir que todo exceso resulta máis pronto que tarde prexudicial e non logra máis que fastío, cansazo ou indiferenza, no mellor dos casos posibles.

Estamos a vivir nunha perigosa carreira cara a inmediatez da transmisión en vivo e directo de todo canto ocorre, a ser posible ao segundo seguinte de suceder. Por iso, esta escravitude á que vivimos encadeados no fondo da nosa caverna, sometidos ao nauseabundo rollo das redes sociais, os me gusta, o vómito dos influencers e os intagramers de papel cuché, tragándonos canto din. Xa o dicía o castizo refraneiro: daqueles polvos, estes lodos. E, como consecuencia final de tanta memez, as famosas fake news, os contos de sempre, que antes eran algo así como as inocentadas do 28 de Decembro e agora sonche o pan noso de cada día, mesmo con centros de espionaxe e poder que viven en corpo e alma para a creación e difusión dos mesmos, que acaban por se crer uns poucos descerebrados sen gañas de pensar.

Xa falei algunha vez daquel principio de Goebbels: unha mentira mil veces repetida remata por se converter nunha media verdade, que finalmente aceptamos, porque nola meten polos ollos, o nariz e os sentidos, mesmo que cheire a fume de carozo. Deste xeito vivimos e convivimos co horror, a maldade, a mentira a avaricia e a podremia espiritual dos poderosos que pensan e senten en función dos díxitos das súas suculentas contas bancarias, iso si, facémolo coa triste escusa de que non temos tempo para comprobar a súa veracidade, con elo adormecemos as nosas consciencias e a otra cosa, mariposa. Palabriña do Neno Xesús que o dixo a televisión, vino no WhatsApp e escoiteno nun vídeo de YouTube.

Non sei quen dixo aquilo de unha sociedade que esquece o seu pasado estase a condenar a repetilo, nin sequera sei se é certo que o dixo alguén, pero o que si sei é que estámonos a converter en robots insensibles, sen capacidade de análise crítico, sen curiosidade vital, sen gañas por aprender e investigar as cousas por nós mesmos. E menos mal que aínda non conseguiron matar as nosas gañas de ler, de vivir aventuras a través das páxinas dun libro, de soñar mergullando nas palabras impresas. Porque que Deus nos colla confesados o día que consigan tal.