Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Reforma fiscal para o benestar social

Hai poucas semanas presentábase o libro branco sobre a imprescindible reforma do noso sistema tributario. Moitas opinións se verteron ao respecto. Algunhas, desde o coñecemento e o rigor, pero moitas outras simplemente desde a terxiversación dos datos e da linguaxe. Afirmacións do estilo de que a baixada de impostos é o garante do Estado de benestar é unha falacia —amais dunha aseveración bastante perigosa—. A sanidade, o ensino ou o noso sistema de protección social precisan financiamento. Neste sentido, é imperativo que contribúa máis quen máis ten.

Neste país partimos dunha estrutura fiscal insuficiente e ineficiente, con dúas eivas históricas intimamente relacionadas: a elusión fiscal e o infrafinanciamento. España ten unha recadación fiscal 5,5 puntos menor ca a Eurozona.

A iso cómpre engadirlle a enorme —e opaca— armazón do sistema de bonificacións e deducións á que se poden acoller as grandes fortunas, que se suma a que o español é o Estado con menos persoal funcionario para perseguir a fraude fiscal. Por riba, a riqueza está gravada, pero non dun xeito eficiente e correcto pois, en proporción, pagan máis os traballadores e traballadoras asalariadas.

O carácter redistributivo e progresivo do modelo tributario lexitima o noso sistema democrático. Porén, o cóctel anteriormente descrito fai que estas dúas características non se cumpran en toda a súa extensión.

Outro dos debates abertos refírese a se este é o momento axeitado para acometer unha reforma de calibre en materia fiscal. Desde CCOO apostamos por que si: é o momento de poñer os piares do futuro do noso país.

As bases en que debemos asentar non son unicamente os fondos Next Generation, porque as transicións produtivas e sociais en que estamos inmersos han levar ligada, forzosamente, unha reforma fiscal.

Como dicía o economista Santiago Lago estes días, «que as urxencias no nos fagan esquecer os deberes estruturais e que o populismo e a demagoxia non venzan a imprescindible e lexítima, pero educada e racional, confrontación política entre partidos»

*Secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

Compartir el artículo

stats