Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Arcadio López Casanova

Intelectuais galegos nados na década de 1940 continuaron, engrandecéndoo, o legado da que foi chamada, con acompañamento de controversia, Xeración galega das Festas Minervais. Pensamos en escritores coma Carlos Casares, Xavier Carro ou Arcadio López Casanova (tamén no editor Luís Mariño). Arcadio acaba de falecer. E a súa obra e a súa persoa, en refachos de reminiscencia, vainos pasando pola memoria.

Nado en 1942, foi concorrente asiduo e triunfal das Festas Minervais. O seu primeiro estilo poético amosa un clasicismo e presenta unha enunciación nas que se fan evidentes as intencións críticas socio-políticas. De forma que a persoalidade lírica de López Casanova co perfil textual dun poeta completo que emite signos de grandeza e que convirte en mellor a totalidade da poesía galega do século XX, incluída a do mestre Luís Pimentel.

"Só se pode escribir deste xeito estando en posesión dunha poética universal e totalizadora"

decoration

Esta propiedade radioactiva da poesía de Arcadio fai posíbel que entendamos así o noso tempo en materia literaria. Con Mesteres (1976) el únese ás voces que intentan unha volta ao esplendor da forma con formulacións retóricas inéditas. Unha obra teatral do noso autor poxa agora por se facer visíbel nesta nota necrolóxica. Trátase da traxedia titulada Orestes (1963) que adapta a convención do ciclo clásico. Se se puxese debidamente en escena nos días en que foi escrita, esta “traxedia en dous actos” quizás chegase a mudar o discurso do teatro galego contemporáneo: non foi así.

A poesía de Arcadio posúe unha dimensión secreta, vaticinante e non sempre explícita. Por veces diríxese á colectividade e ao futuro con voz censoria e vagamente pondaliana. Só se pode escribir deste xeito estando en posesión dunha poética universal e totalizadora. Algún dos recunchos ocultos nos poemas de Arcadio poden ser alumeados desde as súas obras da teoría da expresión, que rebordan a filoloxía e a retórica para chegar a ser construtos nos que o esplendor da forma se inflama a si mesmo, como non chegou a decerlle Amado Alonso a Alfonso Reyes na súa “Carta sobre la estilística”. Foise Arcadio López Casanova, poeta e sabio a cuxo nacemento literario tivemos a fortuna de asistir. A súa palabra prevalecerá.

Compartir el artículo

stats