Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas

Voyager

Ledicia Costas

Escritora

As historias son ás

Desde o ano 1967, o día 2 de abril celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, coincidindo esa data coa do nacemento do popular escritor danés Hans Christian Andersen. Esta conmemoración é unha iniciativa do IBBY (International Board on Books for Young People), que cada ano promove unha mensaxe dirixida a todas as nenas e nenos do mundo. Nesta edición, o autor da mensaxe foi o autor canadiano Richard Van Camp, baixo o título: “As historias son ás que nos axudan a remontar o voo cada día”.

Tiven a fortuna de celebrar esta data en Berlín, grazas a un convite do Instituto Cervantes. Foi curioso e divertido falar para o alumnado dunha escola alemá, de libros e historias concibidas en Galicia. Mais esta viaxe tamén supuxo unha oportunidade para camiñar por unha cidade silenciosa e pulcra, case solemne, que semella estar concibida coma unha especie de memento mori. Mentres paseaba polas rúas pensaba en que Berlín é en realidade un memorial sobre as atrocidades da guerra. As cicatrices da II Guerra Mundial están á vista, nas paredes dos edificios, que mostran os buratos de bala e tamén un desgaste profundo, coma se estivesen afectadas de lepra. Impresionoume especialmente ver as columnas e fachada do Neues Museum e a Alte Nationalgalerie cheas de impactos. Son coma ollos de pantasmas que están a observarte desde un lugar terrible. As cicatrices tamén están no chan. Ao remate da II Guerra Mundial, o Estado tomou a decisión de colocar placas de latón que dan conta do nome das vítimas do Holocausto. Chámanse Stolpersteine e son obra do artista alemán Gunter Demning. Están colocadas diante das casas onde vivían as vítimas e consisten nunhas pezas cadradas, de cor dourado, de 10 x10. Nelas está inscrito o nome e apelidos da vítima, a data de nacemento e o seu destino fatal. O proxecto Stolpersteine empezou en Colonia e, a día de hoxe, o número supera os setenta e cinco mil stolpersteine, colocadas en máis de 20 países.

Outra obra que quita o alento é o Monumento aos Xudeus asasinados en Europa, próximo á Porta de Brandenburgo. É un proxecto do arquitecto Peter Eisenman e consiste en 2711 bloques de formigón de diferentes alturas. O chan do monumento serpea, inclínase, provoca unha grande inestabilidade. A sensación cando estás no medio dos bloques, sen ver nada máis ca cemento e ceo ao teu arredor, é a de estar no interior dun labirinto ou talvez nun espazo angosto e frío. Case claustrofóbico. Conta cun espazo subterráneo onde hai un centro de información que fai un percorrido pola política de exterminio que tivo lugar entre o 1933 e o 1945. E falando de percorridos, é impresionante visitar as instalacións da Topografía do Terror. Neste lugar era onde se organizaba a persecución e exterminio, sendo a sede da Policía Secreta do Estado e das SS. Na actualidade é un centro de documentación que narra a historia do edificio e relata con detalle do ascenso do réxime nazi e as atrocidades cometidas.

Resúltame difícil de entender que en España a memoria histórica continúe a ser un campo de batalla. Máis aínda despois desta viaxe. Porque mirar cara atrás e asumir o pasado tamén é un xeito de remontar o voo cada día. E isto ten que ver coa reconstrución.

Compartir el artículo

stats